O prazo para participarmos na 3ª edición Galicia Avanza estará aberto até o 19 de abril

martes, 26 de marzo do 2024 S. P.

Patricia Argerey, directora da axencia galega GAIN, na presentación da nova edición de Galicia Avanza

Galicia Avanza, programa de aceleración para a internacionalización de pemes galegas posto en marcha por GAIN, o IGAPE e a Tecnópole, ten aberto o prazo da terceira convocatoria, na que poderán participar ata 30 pequenas e medianas empresas innovadoras e/ou de base tecnolóxica. As solicitudes deberán presentarse ata o 19 de abril a través da páxina web da Tecnópole.
O obxectivo deste programa, xestionado e coordinado por Tecnópole, é que solucións innovadoras galegas, de calquera ámbito ou sector, dispoñíbeis ou moi próximas ao mercado, acaden ou fortalezan a súa presenza no mercado exterior no menor tempo posíbel. Aspírase así a que as empresas beneficiarias consigan reforzar a súa consolidación internacional, ademais de abrirse a novos mercados. Segundo informan fontes do Parque Tecnolóxico de Galicia sobre as metodoloxías a empregar, “traballarase na protección das súas marcas e deseños industriais ou intelectuais, na detección de posíbeis colaboracións con outras empresas, no acceso a novos segmentos de clientes, así como na atracción de financiamento externo, entre outros aspectos”.
Como principal novidade desta edición e co fin de “dar oportunidade a novas pemes innovadoras”, non van poder ser beneficiarias empresas que xa teñan participado en convocatorias anteriores do programa.
Á hora de seleccionalas, valorarase o potencial de internacionalización e o grao de innovación dos seus produtos ou servizos, o coñecemento do mercado internacional obxectivo, o potencial de crecemento no mercado exterior, a capacidade financeira da empresa e a súa experiencia previa no eido internacional. Ademais, incentivarase a participación de pemes que non recibisen axudas previas da Axencia Galega de Innovación nin de Tecnópole, e tamén se primará a porcentaxe de mulleres nos seus cadros de persoal.
Galicia Avanza ofrece un programa integral de apoio á internacionalización de dez meses de duración, con itinerarios personalizados en eidos como o estudo do mercado, a estratexia de mercadotecnia, a adaptación de produtos e servizos, o deseño e rexistro de marcas e certificacións ou a estratexia de acceso ao mercado. Ao longo do programa, as empresas participantes tamén recibirán mentoring, asesoramento e formación comercial e técnica.
Nas dúas edicións anteriores do programa impulsouse a internacionalización dun total de 60 pemes de toda a comunidade, pertencentes aos sectores máis diversos.

PUBLICIDADE