O posgrao XEMTE abordará o impacto da innovación tecnolóxica no ámbito social

mércores, 4 de xuño do 2014 Marcus Fernández

Víctor Carneiro, director académico de XEMTE, nun acto celebrado o ano pasado

O vindeiro 12 de xuño ás 19:00 horas na Fundación Caixagalicia(Cantón Grande, 24), terá lugar un evento sobre O Impacto da Innovación Empresarial no Ámbito Social no que se analizarán as últimas tendencias na innovación empresarial que permiten xerar grandes avances na nosa sociedade.
Enmarcado no Posgrao Universitario en Especialización en Xestión Empresarial e Tecnoloxía, XEMTE, título propio da UDC que prepara a expertos na aplicación da tecnoloxía aos procesos empresariais, contará coa presenza de Mar Pereira Álvarez, directora da AMTEGA e relatores de IBM e Telefónica:
· Elisa Martín Garijo, directora de Tecnoloxía de IBM España, Portugal, Grecia e Israel, falará sobre A computación cognitiva: ordenadores con 5 sentidos, relatorio no que abordará o reto de dotar aos ordenadores de cinco sentidos o que provocaría os maiores avances na medicina, a alta cociña, a industria téxtil, ou, mesmo a agricultura.
· Juan Cambeiro Cuns, Innovation Leader de Telefónica España, abordará A innovación na grande empresa e o impacto que esta ten na sociedade como retos de xestión empresarial propios. Coñecer os seus retos, problemática e estratexias clave, son esenciais para innovar con éxito nun mercado cada vez máis dinámico.

XEMTE busca contribuír á mellora da xestión empresarial

Inaugurado no mes de xaneiro, XEMTE é un proxecto integrador no que se implican todos os axentes: alumnos, Universidade, empresas, axentes sociais e institucións, dando como resultado unha comunidade impulsora dunha transformación nos modelos de formación e desenvolvemento profesional dos alumnos, futuros profesionais comprometidos co cambio.
En XEMTE cóntase coa participación de grandes empresas que buscan favorecer a creación deste novo modelo educativo, nomes como Emetel, Altia, Banco Etcheverría, Telefónica, Reganosa, Emalcsa ou Cofrico, que contratarán os alumnos apostando polo desenvolvemento e o innovador concepto deste posgrao. Xunto á Universidade, profesorado e alumnos, formarase a comunidade XEMTE, un paso adiante cara á educación colaboradora, práctica e enfocada a potenciar as habilidades do alumno.
XEMTE está dirixido a enxeñeiros técnicos, graos e enxeñeiros en Informática, Telecomunicación ou Industriais, graos e licenciados en Ciencias Físicas ou Matemáticas, así como a profesionais que reúnan os requisitos para cursar estudos universitarios e acrediten un desempeño profesional acorde. E cada ano supoñerá unha oportunidade para un grupo máximo de 20 alumnos, xa que terán a oportunidade de incorporarse a unha das empresas asociadas ao seu programa. Pensando nos alumnos, dende a organización de XEMTE ofrécense facilidades no financiamento para evitar que o factor económico sexa un obstáculo á hora de sumarse ao curso.
A metodoloxía de XEMTE é eminentemente práctica, nela implícanse profesionais das empresas máis innovadoras, laboratorios nos que experimentar, proxectos de traballo colaboradores, casos reais e moitas máis ferramentas e iniciativas nas que se aplica a tecnoloxía aos procesos da empresa. Con este sistema foméntase a participación e a potenciación das capacidades do alumno, xa que sobre el xira XEMTE.

PUBLICIDADE