O porvir dos negocios na Rede, polo miúdo no Bilbao Web Summit

xoves, 28 de abril do 2011 Fernando Sarasketa

Presentación da xuntanza internacional no pasado mes de marzo

Bilbo vai dar acubillo a un dos encontros da tempada en materia de negocios ligados á Internet. Falamos do Bilbao Web Summit, unha xuntanza internacional de primeira utilidade para saber por onde podemos tirar empresarialmente na Rede e, tamén, para sinalar clariños os vieiros polos que non habería que meterse baixo ningún concepto. Segundo se nos conta no portal galego Emprendia, a cita servirá un pouco para deseñar a nova xeración da Web dende o punto de vista dos negocios. Será nun emprazamento de excepción: a cabalo entre o Museo Guggenheim e o Pazo Euskalduna.
Polo evento pasarán economistas, empresarios, altos executivos, desenvolvedores TIC, axentes dedicados ao desenvolvemento e ao financiamento de proxectos, etc. Ou sexa, que no caso de ter un proxecto que creamos viable e que precise investimentos, probablemente sexa unha boa estratexia acudir a Bilbo os días 17 e 18 de maio.
De xeito paralelo ao congreso, a cidade dará acubillo a diversos debates e relatorios sobre o futuro da Internet ao longo de case unha semana, entre o 16 e o 19 de maio nun programa de encontros promovido polo Comité Asesor de W3C para marcar as pautas a seguir pola Sociedade da Información nos vindeiros anos. Estas citas están orientadas a altos executivos dos máis diversos ámbitos: financiamento, comunicación, tecnoloxía ou promoción en liña.

PUBLICIDADE