O portátil de 100 dólares chega ós 200 dólares

mércores, 31 de outubro do 2007 Marcus Fernández

Negroponte cun dos seus portátiles para cativos

O proxecto de Nicholas Negroponte que prometía crear un ordenador portátil de 100 dólares para os cativos dos países en vías de desenvolvemento non parece estar a pasar por bos momentos, xa que se está a retrasar a fabricación dos equipos e o seu prezo non para de medrar. Así, en febreiro se falaba de que custarían 150 dólares, en abril o prezo subiría a 176, hai uns días se falaba dun 188 dólares e agora xa se comenta que o prezo definitivo será de 200 dólares, de xeito que se achega perigosamente a unhas solucións comerciais que hai no mercado, o que porían en perigo todo o proxecto (que se basea en boa medida nunha fabricación masiva para poder manter prezos competitivos).
A fabricación final dos portátiles XO (o primeiro modelo do proxecto OLPC) comezará en novembro e estímase que a mediados de decembro estea o software definitivo para tales equipos rematados, e aínda que se anunciaron moitos compromisos de Gobernos para mercar estes portátiles, parece que o volume total encargado non supera os 200.000, mentres que o Classmate PC de Intel, cun prezo semellante, xa ten 150.000 unidades encargadas por Libia e outros pedidos importantes doutros países (fálase de 700.000 equipos para Pakistán). Nestes días tamén entra en xogo o Asus Eee PC, que podería converterse no subnotebook máis popular do mercado, aínda que non estea pensado só para o seu uso por cativos.
Pero non todo son malas noticias para o proxecto de Negroponte, pois Microsoft anunciou que o XO non se terá que conformar con funcionar con Linux, senón que tamén contará cunha versión de Windows XP que funcione no mesmo, aínda que o seu desenvolvemento aínda levará uns meses.
Dende a Fundación OLPC agardan que trala adhesión de Intel á súa iniciativa se poidan fusionar as súas dúas solucións de portátiles para cativos que permita que o proxecto prospere.

PUBLICIDADE