O portal do novo centro GaiásTech actívase co apoio tecnolóxico de Balidea
martes, 29 de xuño do 2021
O
novo centro tecnolóxico GaiásTech,
impulsado pola Xunta de Galicia, comezou a súa andaina cunha
innovadora plataforma web acorde co cariz avanzado, transformador e
disruptivo das propostas que terán o seu punto de lanzamento no
GaiásTech. Esta plataforma foi materializada pola empresa galega
Balidea, que impulsará a vertente transformadora e visualizadora do
centro, un espazo de experimentación ao servizo de empresas,
administracións e cidadanía.
A
plataforma gaiastech.xunta.gal
recolle toda a información sobre o novo centro, as súas actividades
e servizos, centrando os seus contidos no impulso do ecosistema
dixital galego.
Desenvolvido
en Drupal 8, o portal “busca ser o reflexo virtual do propio
GaiasTech”, sinala Balidea, engadindo que “dará visibilidade e
apoio a todas as actividades que se xeren ou nas que se colabore, aos
servizos que se ofrezan e aos recursos que se poñan a disposición
de persoas usuarias, facilitando e dinamizando a súa interacción co
centro e co seu ecosistema dunha maneira sinxela, dinámica e
atractiva”.
GaiásTech
será un escenario central para a posta en marcha da Estratexia
Galicia Dixital 2030, especialmente do seu eixo transversal, que ten
o obxectivo de promover a especialización tecnolóxica a través do
reforzo das capacidades e infraestruturas dixitais de Galicia.
A
súa superficie, de máis de 500 metros cadrados, contará cun espazo
de inmersión interactivo, orientado a experiencias de Realidade
Virtual e Aumentada. Conta tamén con salas de ideación con equipos
interactivos para acoller actividades e desenvolver proxectos. Amais,
ofrecerá servizos como o GaiasTechCloud, para a realización de
probas de software na nube, demostracións de solucións
tecnolóxicas, reservas de espazos ou o desenvolvemento de xornadas
temáticas.
De
maneira paralela a este espazo físico, GaiasTech disporá dun
xemelgo dixital no que se localizará a axenda tecnolóxica de
Galicia, que disporá dos seus propios espazos virtuais e actividades
e que permitirá a retransmisión e participación non presencial en
calquera actividade.