O portal de Novaxove aposta polo formato de rede social pero deixa aparcado o galego

martes, 23 de marzo do 2010 Fernando Sarasketa

A xuízo de Caixanova, a innovación emite unha nota máis alta cando se leva a cabo mentres todo semella novo. Deste xeito, asumindo a vangarda (pero obviando a versión en galego, lingua que non vemos por ningún lado malia estar na versión anterior), é como a caixa galega está a presentar estes días a renovación da face web da súa tarxeta Novaxove, dirixida á mocidade e agora reconvertida como “rede social para que os seus usuarios dispoñan de blogs baseados no WordPress, ferramentas 2.0, rexistros compartidos, álbums de fotos, agasallos, concursos, certames e entradas a concertos, entre outras cousas”, sinala a entidade financeira nun comunicado.
A idea da remodelación, sinala, non era só a de adaptar a tarxeta aos novos tempos, senón mesmo a de adiantarse a eles. Deste xeito, o espazo creado arredor de Novaxove achegaría información nun camiño (de Caixanova aos usuarios) impulsando os restantes (dos usuarios á entidade, de usuarios a usuarios). Porén, insistimos, fica pendente a inclusión da nosa lingua, reducida a súa presenza ao nome do servizo, Novaxove, e coa particularidade de que nin sequera a palabra “xove” existe no noso idioma como termo ligado a xuventude, senón ao concello lucense do mesmo nome.
Co obxectivo de avanzar e afianzarse no cambiante eido de Internet”, informa a caixa, “a nova versión 3.0 do portal de acceso da tarxeta preséntase en toda España como unha rede social que ofrece aos seus usuarios a posibilidade de intercambiar imaxes, vídeos e opinións, ao temo que fai máis doada a súa participación en grupos de interese e actualidade, ou na creación de blogs baixo o dominio tunombre.novaxove.com”. Polo que respecta á estrutura forma da web remodelada, dicir que se articula en diferentes cadernos persoais para dar meirande acubillo a cuestións de hoxe, talentos novos ou ben iniciativas emprendendoras. Neste grupo, precisamente, insírese o blog Emprende, no que se vai dar cabida a cursos, seminarios e información variada sobre as opcións que hai arestora dispoñibles na nosa terra para pór en marcha unha empresa propia. A este caderno en liña cómpre engadir Tes talento, un espazo encamiñado a poñer de relevo o que moitas/os mozas/os xa están a facer dende o punto de vista creativo e sen que (até o de agora) as súas obras dean chegado ao gran público. Amais de todo isto, a nova web xirará arredor da súa presenza diaria nas redes máis salientables: Facebook, Tuenti ou Twitter.

PUBLICIDADE