O portal SICON facilita o acceso a tódolos medios dixitais da Administración galega en materia de contratación pública

mércores, 13 de marzo do 2013 Redacción

Entre as ferramentas que as empresas da nosa terra teñen á súa disposición para facilitarlles o camiño cara as licitacións das administracións, sen dúbida a que aglutina e centraliza este vieiro é o portal SICON, Contratación Pública da Comunidade Autónoma de Galicia, un servizo posto en marcha e mantido pola Consellería de Facenda. En palabras deste departamento da Xunta, o que temos aquí é unha plataforma para permitir o acceso a tódolos medios electrónicos, informáticos e telemáticos que a Administración autonómica desenvolveu en materia de contratación pública.
Entre outros servizos, a través da Plataforma de Contratos Públicos de Galicia, podemos acceder a unha ampla información das licitacións da Administración e o sector público autonómicos e das entidades locais dadas de alta no sistema. Ademais, temos á nosa disposición os Sistemas de Facturación Electrónica e Licitación Electrónica implementados polo CIXTEC (Consellería de Facenda) para facilitar a presentación de facturas e ofertas por vía telemática (trátase dunha adaptación a modelos tecnolóxicos e telemáticos máis innovadores e seguros das operacións de facturación tradicionais en formato papel, dende a Xunta cara aos seus provedores, achegando con estas novidades máis rapidez e eficacia na recepción dos pagos, ao que hai que engadir as vantaxes de manter contacto cunha administración que, grazas ao eido dixital, está aberta as 24 horas do día e non require desprazamentos para este tipo de xestións).
Máis en detalle, o portal achéganos acceso a tres seccións principais: e-Trámites, Contratos e Información. O primeiro apartado achéganos a servizos como o devandito Sistema de Factura Electrónica, os Servizos Telemáticos do Rexistro Xeral de Contratistas da Comunidade Autónoma, o Sistema de Licitación Electrónica (SILEX), e a Administración Tributaria (Pago Tributaria).
A sección de Contratos danos acceso á Plataforma de Contratos Públicos de Galicia (PCG), con información dos procedementos de licitación da Xunta de Galicia e sector público autonómico e das universidades públicas e entidades locais dadas de alta en el sistema. Inclúe buscador de anuncios, adxudicacións, pregos e demais documentación de interese e forma de contacto cos órganos de contratación. No apartado de Información, ponse ao noso alcance o acceso á Xunta Consultiva de Contratación Administrativa da Comunidade Autónoma de Galicia, ao Rexistro Xeral de Contratistas de Galicia, ás Clasificacións estatísticas CPV e CPA e máis a outras plataformas de ámbito autonómico.

PUBLICIDADE