O portal Proxector comeza curso mergullándonos nos segredos da Física

martes, 12 de setembro do 2023 S. P.

A USC (Servizo de Normalización Lingüística) e o Consello da Cultura Galega (Centro de Documentación Sociolingüística) comezaron o curso 2023-2024 achegándonos novos contidos e novos formatos para o portal Proxector, iniciativa web habilitada coa finalidade de aproximarnos á divulgación e ao coñecemento investigador, ao tempo que se dinamiza o uso do galego nestes ámbitos. As novidades son un convite a afondar nos segredos da Física. Preséntase baixo o título Escolma para ver e escoitar Física e é da autoría de Cibrán Santamarina Ríos, director do Departamento de Física de Partículas da USC.
Segundo conta o propio Cibrán, nesta pequena escolma persoal observaremos “contidos accesíbeis e moi completos, guiados pola paixón por comunicar e as indubidábeis capacidades didácticas dos seus autores e autoras”. Por exemplo o físico Alejandro Vilar, de quen se ofrece un audiovisual introdutorio, a escritora e filóloga Estíbaliz Espinosa, que propón unha viaxe entre a lírica e a ciencia, ou os divulgadores Darío Lago e Xabier Pérez Couto, referentes en material audiovisual sobre física en galego. A escolma tamén inclúe (entre outras cousas) unha peza que resume a traxectoria de Antonia Ferrín, astrónoma galega, máis unha entrevista a Jocelyn Bell organizada pola Agrupación Astronómica Ío. A maiores, María Caseiro e Juan García contan cales son as necesidades tecnolóxicas do CERN (o Consello Europeo para a Investigación Nuclear).
Proxector é un espazo web dedicado a compilar, clasificar e difundir recursos audiovisuais de apoio á docencia en lingua galega no ensino medio, bacharelato e ensino universitario. Na actualidade, conta con 1328 materiais publicados de 33 áreas temáticas diferentes.
A iniciativa orixinal foi deseñada polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela e botou a andar no ano 2015 no portal educativo Didactalia. En 2018 o CCG, a través do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG), sumouse á iniciativa e comezou a participar de xeito activo tanto na súa coordinación como na edición de contidos. Cumprindo coas competencias que lle son propias no eido da preservación e difusión do idioma galego, o CCG acordou asumir tamén a custodia dos datos recompilados ao longo destes anos e que, a partir de agora, estarán ao dispor da cidadanía no sitio web institucional.
Os vídeos están clasificados segundo a súa temática, o idioma no que foron gravados ou subtitulados e o nivel de ensino no que se considera que poden ser empregados. A maiores, ofrécese unha ficha descritiva coa información básica de cada recurso. Pódese acceder aos contidos a través da busca libre ou dos diferentes despregábeis, que permiten filtrar os resultados segundo os criterios de clasificación antes citados.

PUBLICIDADE