O portal España es cultura, inzado de topónimos galegos deturpados

luns, 4 de xullo do 2011 Fernando Sarasketa

Seguimos a voltas coas páxinas webs que non respectan a cultura galega, malia tratarse de sitios teoricamente chamados a facelo. Desta volta, toca falar dun espazo en liña estatal que non só incumpre a defensa dunha lingua, a nosa, que é cooficial, senón que mesmo chega a apostar polo impulso de outras que lle quedan ben lonxe. Estamos a falar do portal España es cultura - Spain is Culture do Ministerio de Cultura, un sitio que segundo nos recorda Xornal.com, está inzado de grallas e deturpacións, tanto máis graves se temos en conta que vén de quen vén, un departamento estatal ligado de xeito especial ao coñecemento e á identidade, e que non é a primeira vez que mete a zoca.
A nova xeira de castelanizacións e demais transformacións aplícase tanto en nomes de lugar (Puebla de Trives, Villalba, Villanueva de Arosa, etc) como nos propios títulos das nosas obras literarias máis representativas, como por exemplo Sempre en Galiza de Castelao, que por obra e graza do Goberno central e dos seus departamentos culturais convértese nunha versión light do manifesto, agora chamado Siempre en Galicia, non vaia ser que os estranxeiros (aos que vai dirixido o novo portal, sobre todo) deixen de vir a España porque aquí haxa xente que diga “Galiza”. A web, cousa curiosa e malia que ofrece versión en galego, só se pode consultar plenamente en inglés e francés. A ficha de Castelao, por exemplo, hai que lela nestas linguas ou ben en castelán.

PUBLICIDADE