O portal Eidolocal achega máis servizos en liña para os concellos

luns, 22 de xuño do 2015 Redacción

Xa hai nova versión do portal Eidolocal, que é a porta de entrada dos concellos aos servizos dixitais que desenvolve o Goberno galego para reforzar a eAdministración a través da fórmula de xuntar recursos. O portal, segundo fixeron saber a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e a Dirección Xeral de Administración Local, inclúe agora unha serie de actualizacións que redundan na marxe de uso e na accesibilidade, amais de optimizar a navegación e e mellorar e incrementar os servizos para as entidades locais e os usuarios. Ademais a web, cumprindo co Decreto sobre a presenza da Xunta en Internet aprobado en maio, emprega xa o dominio .gal.
Un dos novos servizos que incorpora o portal é a Sala de Sinaturas Virtual, que posibilita a revisión e sinatura electrónica en liña por parte dunha entidade local de determinado tipo de documentos emitidos pola Xunta como, por exemplo, os convenios.
Segundo informa AMTEGA, Eidolocal.gal ofrece tamén unha nova funcionalidade para os funcionarios do ámbito estatal, que recompila de xeito ordenado a información sobre os concursos e procesos selectivos de funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional, convocados anualmente (inscricións, convocatoria, cualificacións...) e permite a xestión en liña da provisión de postos.
Entre os servizos renovados está o de Envíos á Xunta, concibido como unha caixa de correo dende o que a entidade local poderá subministrar documentación a determinadas unidades da Administración autonómica. Igualmente, reformulouse o Catálogo de Servizos.
En canto aos espazos de nova creación, unha das principais novidades é Meu Eido, “un escritorio que pode configurar o propio usuario e que lle permite centralizar súa actividade dentro do portal, agrupar os accesos directos a contidos e servizos de uso habitual e dispor dun taboleiro de avisos”, informa AMTEGA, que engade que o portal conta a maiores cun novo espazo de ofertas laborais con información das ofertas de emprego público convocadas polas entidades locais. Para difundir e informar das actuacións impulsadas pola Xunta para ás administracións locais habilitouse a sección Iniciativas.

PUBLICIDADE