O polo galego de drons estará na feira mundial máis relevante do sector
mércores, 24 de abril do 2019
O
proxecto Civil UAVs
Initiative, dirixido a crear un Lugo un potente e referencial
polo de deseño, desenvolvemento e creacións de tecnoloxías ligadas
aos avións non tripulados, vai participar na principal feira do
mundo da industria dos drons, a
feira Xponential 2019 de Chicago. Até
alí desprazaranse os responsábeis da Axencia Galega de Innovación
(Consellería de Economía), impulsora da iniciativa, que estará
acompañada das multinacionais Indra, Babcock e Boeing, socias da
Xunta no proxecto, e das empresas galegas Marine Instruments, Ceres,
Cartogalicia, Proyestegal, Análisis y soluciones de ingeniería,
Aerolugo, Cinfo, Centum, Soluciones y sistemas de información
(Sixtema). Ás devanditas firmas súmanse a presenza dos centros
tecnolóxicos Gradiant e ITG.
A
participación da Civil UAVs Initiative no dito acontecemento mundial
enmárcase no seu plan de internacionalización, que ten por
obxectivo xerar novas oportunidades de negocio aos axentes implicados
na CUI e emprazar Galicia como un polo de referencia internacional no
segmento dos vehículos non tripulados para uso civil. Ademais,
darase a coñecer a BFAero, a aceleradora especializada no sector
aeroespacial, cuxo obxectivo é crear e acelerar compañías
innovadoras na cadea de valor do sector en Galicia con capacidade
para captar, atraer e reter talento.
Segundo
informa GAIN, a feira Xponential constitúe “o principal punto de
encontro a nivel internacional para o sector dos sistemas non
tripulados aéreos, terrestres e marítimos”. Organizada pola
Asociación para Sistemas Non Tripulados Internacional (AUVSI, nas
súas siglas en inglés) acada este ano a súa 47 edición. Na última
visitaron o evento 8.500 persoas e contou con máis de 700
expositores. Dende a axencia valoran a presenza do proxecto galego no
evento como “unha excelente oportunidade para que as empresas
establezan contactos comerciais, colaboracións tecnolóxicas, así
como coñecer as tendencias e o futuro desta industria”.
A
participación galega na feira consistirá nunha área propia duns
15m2 dentro do Espazo España que coordina o ICEX (dependente do
Ministerio de Industria, Comercio e Turismo), cuxo custo será
asumido polas empresas Indra e Babcock, así como a asistencia
doutras dez empresas galegas e dous centros tecnolóxicos. As PEME
galegas contan co co-financiamento do IGAPE, a través do Plan
FOEXGA, para custear os gastos de asistencia. En total, a delegación
da CUI estará formada por unhas 30 persoas.