O plan para a convivencia escolar achegou este curso máis de 4.000 charlas sobre ciberseguridade na nosa terra

luns, 17 de xullo do 2023 S. P.

O Plan Director para a Convivencia e Mellora da Seguridade nos Centros Educativos, impulsado polo Goberno central, pechou o curso académico en Galicia. Fíxoo un récord de 4.096 actividades e charlas en 954 centros educativos e un aumento do 51,5% do número de asistentes. Moitas destas actividades puxeron o foco en fomentar un uso racional, igualitario e positivo das novas tecnoloxías e dispositivos. Estes e outros datos foron achegados no balance feito pola comisión autonómica de seguimento do plan, reunida na Delegación do Goberno.
O xefe de Área de Alta Inspección Educativa da Delegación do Goberno, Manuel Regueiro, destacou o aumento das charlas sobre ciberseguridade e prevención do acoso, que foron 2.609 das 4.096 charlas en total.
Segundo explicaron os participantes na xuntanza, este programa operativo (implementado en coordinación coa Xunta e a FEGAMP) ten como elemento máis destacado a celebración de actividades formativas en materia de seguridade dirixidas por equipos especializados da Policía Nacional e a Garda Civil a petición dos propios centros.
Manuel Regueiro resaltou a participación de 125.134 persoas membros da comunidade educativa, 42.344 máis que o ano pasado. Delas, 115.430 eran alumnos e alumnas, 6.547 membros do profesorado e 3.157 pais, nais ou titores.
Ademais da ciberseguridade e acoso, as principais temáticas impartidas foron a violencia de xénero e o consumo de drogas e alcol. O total de charlas impartidas foi un 16% máis que o curso anterior.
Xunto coas actividades e charlas, outra parte importante deste Plan de Convivencia Escolar é a tarefa de vixilancia na contorna dos centros educativos, para previr, entre outros, a venda e consumo de drogas. Neste curso, a Policía Nacional e a Garda Civil realizaron 14.377 vixilancias en 1.228 centros de Galicia e desactivaron 12 puntos de venda de drogas (7 na provincia da Coruña, 4 en Lugo e 1 en Pontevedra).
No vindeiro curso escolar o plan para a convivencia e mellora da seguridade nos centros educativos reforzará a prevención dos riscos asociados as novas tecnoloxías dixitais e combaterá con máis eficacia as violencias sexuais, de xénero e a discriminación. Poñerase o foco nas novas vías para exercer a violencia como poden ser os entornas dixitais, as redes sociais e outros servizos dixitais.
Asi, explicouse, a Policía Nacional e a Garda Civil desenvolverán programas de formación continua que “garantirán a cualificación necesaria aos axentes responsábeis da execución do programa educativo”.

PUBLICIDADE