O plan de software libre 2018 recolle 110 actuacións

martes, 14 de agosto do 2018 Fernando Sarasketa

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) achegounos hoxe un repaso polas accións incluídas no Plan de Acción en Software Libre 2018, que recolle un total de 110 actuacións co obxectivo común de “fomentar e promover o uso e reutilización de software libre na administración pública”. O plan, que tamén busca xerar maior presenza para os importantes achados dos nosos desenvolvedores e das nosas empresas, é unha fronte común cos principais axentes do ecosistema galego de programas libres. Estes acordos permitirán a realización de case medio cento de iniciativas.
Máis en detalle, a devandita fronte común está integrada, amais de por AMTEGA, pola Asociación Galega de Empresas de Software Libre (AGASOL), Bricolabs, GALPon, Ghandalf, GPUL, Makers Lugo, Melisa, XeoPesca e o Consorcio para o desenvolvemento de aplicacións Informáticas de Xestión Universitaria de Galicia (CIXUG), integrado polas tres universidades galegas. Así mesmo, o acordo de colaboración co Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica Informática (CPETIG) inclúe tamén unha actuación específica para o fomento dos ditos programas.
Como dixemos, as alianzas formalizadas permitirán a realización dun total de 46 actuacións que inclúen dende a tradución de ferramentas, a organización de xornadas, cursos, obradoiros, o fomento do software libre en proxectos de cooperación ou solidariedade social ou a formación nos campus.
AMTEGA tamén salienta este ano a inclusión do Programa Girl STEM para a creación de referentes, visualizar roles e motivar as vocacións tecnolóxicas entre as nenas sempre dende o software e cultura libres. Nesta liña, AGASOL organizará unha serie de actividades de asesoramento desde idades temperás dirixidas ás nenas de entre 14 e 18 anos para espertar o seu interese e reforzar a confianza nas súas capacidades cara estudos de ciencias, enxeñarías e tecnoloxías.
No ámbito da administración o plan promove o emprego de tecnoloxías libres e impulsa políticas de eficiencia e bo uso de recursos grazas á implantación de solucións free na súa infraestrutura. Asemade, AMTEGA anunciou un meirande compromiso coa liberación de novas solucións TIC.
No ámbito empresarial, as actuacións están dirixidas a promover o uso de solucións libres de calidade que permitan ás nosas empresas mellorar en eficacia e competitividade. Un ano máis é o Centro Demostrador TIC “o elemento vertebrador das mesmas”. Para reforzar a presenza das solucións libres no CDTIC, a Amtega colabora con AGASOL para ofrecer unha serie de xornadas de difusión de solucións TIC.
Así mesmo, o CDTIC Virtual incorporará unha nova solución de facturación web, FacturaScripts e continuarase coa difusión de solucións empresariais libres a través do portal mancomun.gal, con artigos tecnolóxicos, novas, entrevistas así como o boletín mensual de software libre empresarial.
Finalmente entre as actuacións dirixidas á cidadanía en xeral, destacar que se seguen potenciando as tecnoloxías libres dentro dos programas de alfabetización e capacitación dixitais da rede CeMIT así como no resto de iniciativas recollidas no Plan de Inclusión Dixital de Galicia.
Ademais, vén de convocarse o XI edición do Premio ao mellor traballo universitario de fin de grao con software libre en colaboración co CIXUG, que integra as tres universidades, e tamén coa participación da asociación GPUL.
Balance do Plan de Software Libre 2017
Xunto co plan 2018 publícase tamén o balance das actuacións do ano 2017. No ámbito das administracións públicas, AMTEGA destaca o proceso de migración progresivo dos postos de traballo cara ao paquete ofimático corporativo LibreOffice, “ficando consolidado este como o software a empregar dentro dos criterios corporativos para a homoxeneización dos postos instalados”. Así mesmo, a axencia salienta dous novos proxectos como software libre por parte da Xunta de Galicia, no que destaca ademais a colaboración directa coa comunidade de Ansible.
No relativo ao sector empresarial, no ano 2017, o 75% das actividades do CDTIC foron relativas a tecnoloxías libres o de carácter tecnolóxico neutro, como metodoloxías, mercadotecnia, etc. Ademais, AMTEGA fai fincapé no medre deste tipo de programas dentro do tecido empresarial galego, tal e como se desprende dos estudos do Observatorio da Sociedade da Información e da Modernización de Galicia (OSIMGA). Nos datos correspondentes ao ano 2017 amósase una tendencia crecente no emprego de software libre, chegando xa ata case un 55% nas empresas de menos de 9 empregados, e ata máis do 88% nas de máis de 10 empregados.
No tocante á cidadanía cómpre resaltar as actuacións desenvolvidas en colaboración cos axentes do software libre en Galicia, con máis de 100 activades en diferentes puntos de Galicia, relacionadas con diferentes temáticas tanto no ámbito do software como do hardware libre, e totalmente abertas para todo o mundo.
No tocante á formación a empresas e cidadáns, a través dos diferentes recursos cos que conta a Xunta de Galicia (Rede CeMIT, CNTG, EGAP, CDTIC, etc...) e os distintos axentes implicados impartíronse máis de 55.000 horas de formación en software libre a máis de 50.000 persoas.

PUBLICIDADE