O persoal dos centros de información ás mulleres reciben formación sobre o teletraballo

martes, 20 de outubro do 2020 Redacción

A Xunta imparte desde hoxe o curso de formación Teletraballo e eficiencia: contra os mitos do emprego remoto, dirixido ás profesionais que traballan nos Centros de Información á Muller (CIM) repartidos por toda Galicia. A actividade enmárcase no II Plan de formación dirixido ao persoal destes centros, co obxecto de achegarlles novos instrumentos para atender as necesidades das mulleres, tamén das vítimas de violencia de xénero ou con outras circunstancias que demandan da súa intervención.
A secretaria xeral da igualdade, Susana López Abella, inaugurou hoxe o curso, que se celebra en liña e está dirixido por David Blay Tapia, formador e consultor de empresas en teletraballo. O programa de formación aborda cuestións relacionadas estreitamente co traballo en remoto, tales como a flexibilidade horaria ou socialización fóra da oficina. Trata de desmontar ademais algúns dos mitos que rodean esta modalidade profesional.
A xestión de equipos en remoto, o traballo por obxectivos, as reunións efectivas e o uso práctico de ferramentas como WebEx, Microsoft Teams, Skype Reunión ou Zoom, entre outras, completan unha formación estruturada en dúas sesións de tres horas cada unha.
Desta forma, a Xunta contribúe á preparación das traballadoras e traballadoras destes centros. Tal e como manifestou López Abella na apertura, a formación é fundamental para dar a mellor atención posible a todas e cada unha das mulleres que requiren nalgún momento da súa vida o servizo dos CIM.

PUBLICIDADE