O peche de contas de WhatsApp de Podemos será permanente

venres, 26 de abril do 2019 Marcus Fernández

A polémica do peche de contas de WhatsApp durante a campaña electoral resístese a abandonar a actualidade, e aínda que durante a xornada de onte comentasen que ían reactivar a conta de Podemos, agora aseguran que o anuncio da reactivación foi un erro, de xeito que a conta de Podemos en WhatsApp permanecerá pechada permanentemente.
Dende WhatsApp aseguran que «un membro do noso equipo de atención ao cliente reverteu inadvertidamente a prohibición dunha destas contas onte» coa que Podemos chegaba a unhas 60.000 persoas, pero este cambio non tería que terse realizado, polo que confirman o bloqueo da conta e descúlpanse pola confusión que puideran ter causado.
WhatsApp tería bloqueado 7 contas de Podemos por violar os termos do seu servizo o pasado día 21, e ante este peche de contas non cabería apelación, aínda que non detallaron as infraccións cometidas pola formación política, de aí que o seu secretario xeral, Pablo Iglesias, instase aos seus simpatizantes a empregar Telegram, aplicación de mensaxería instantánea que non impón limitacións do mesmo xeito que WhatsApp.

PUBLICIDADE