O peche de Vine podería ser consecuencia da falta de apoio aos creadores de contido

luns, 31 de outubro do 2016 Marcus Fernández

O anuncio do peche de Vine por parte de Twitter está a xerar bastante debate e a facer que o público sexa máis consciente da importancia do rol dos creadores de contido á hora de manter as plataformas audiovisuais, xa que nos últimos meses os viners máis célebres foron migrando paulatinamente a Facebook, YouTube, Instagram... facendo que Vine perdese o seu pulo inicial e levando tal prometedora ferramenta á irrelevancia, de aí que o seu peche fose cunha decisión inevitable para unha compañía como Twitter, que ten que sanear a súa economía de cara á súa potencial venda.
Pero agora coñécese información que explica aínda mellor esta deriva, xa que transcendeu unha xuntanza secreta de Karyn Spencer, responsable do desenvolvemento creativo de Vine, con 18 dos 50 creadores máis importantes da plataforma hai cousa dun ano, na que as estrelas pedían cambios no servizo (ante problemas de acoso e outros conflitos cos que dende Twitter levan moitos anos sen saber como actuar) e unha liña de comunicación máis directa, esixindo os creadores 1,2 millóns de dólares cada un pola súa fidelidade a Vine, traducíndose este pagamento nun compromiso de producir 3 vines á semana, o que xeraría milleiros de millóns de reproducións de vídeo na aplicación e, en caso contrario, a abandonarían.
Ante a negativa de Vine de compensar economicamente aos seus principais creadores, comezouse unha vaga de abandonos, nos que uns foron aproveitando o elevando crecemento de Instagram para chegar a máis público, outros potenciaron a súa presenza en YouTube para conseguir máis ingresos, outros tiraron de Facebook para aproveitar o seu maior número de usuario... en definitiva, que Vine foi quedando orfo de contidos orixinais que son os que fidelizaban aos usuarios, de xeito que pouco a pouco na plataforma comezou a predominar o material irrelevante.
Parece inevitable a desaparición de Vine, pero o que tamén parece claro é que as plataformas con contidos xerados polos usuarios, se queren ter material de calidade teñen que ofrecer posibilidades de retribución económica para os creadores se non queren converterse nun sumidoiro que poida desbotarse no futuro sen que ninguén os bote en falta.

PUBLICIDADE