O patrimonio inmaterial galego-luso, na Rede

luns, 21 de novembro do 2016 Redacción

O labor da asociación Ponte... nas Ondas! a prol de tirar proveito das novas ferramentas para aproximar dous pobos irmáns (o galego e o portugués) vén xa de lonxe. En Código Cero comezamos a falar deste labor en 2007, cun concurso de SMS, e logo en 2008 informamos dun certame audiovisual convocado para directores de ámbalas beiras da raia. Agora, tal e como reflectimos os días pasados (coa posta en marcha das Escolas nas Ondas), os traballos a prol da irmandade galego-lusa de Ponte... nas ondas! semellan estar a adquirir novos folgos. Sen ir máis lonxe, a comunidade vén de anunciar a dispoñibilidade na Rede de boa parte do seu traballo recente coa comunicade educativa dos dous países irmáns. Podemos velo na web opatrimonio.org.
Este traballo desenvolveuse ao longo de sete anos (entre 2006 e 2013) a carón de milleiros de alumnas, alumnos e docentes de Galicia e Portugal. O obxectivo: recoller e inmortalizar boa parte do patrimonio inmaterial de ámbolos pobos, en boa medida común.
Segundo puidemos saber, o froito de todo isto xa está dispoñíbel en Internet para consulta e intercambio de experiencias. Trátase dunha cantidade sen conto de páxinas de descricións, fotografías, transcricións e gravacións, artellado en todo en máis de medio milleiro de arquivos (medio milleiro de informantes) de audio e vídeo.
O Certame de Recolla do Patrimonio Inmaterial convocado por Ponte...nas ondas! recibiu ao longo do devandito período de tempo máis de 150 traballos de diferentes centros educativos, sobre todo de Primaria e Secundaria. Houbo, polo tanto, sete convocatorias da iniciativa, cada unha delas cun fío temático definido e particular. A sétima e última (até o de agora) desenvolveuse baixo o epígrafe Ponte a Brincar e a proposta consistiu en rexistrar xeitos tradicionais de practicar os xogos e o lecer en xeral.

PUBLICIDADE