O patrimonio histórico compostelán a disposición dos internautas

venres, 23 de xullo do 2010 Raquel Noya

O persoal responsable da área de información patrimonial do Consorcio de Santiago de Compostela, que estes días ao igual que tódolos veciños e veciñas da cidade andan a ultimar os preparativos que restan para celebrar o Día do Apostol co mellor dos sorrisos, van poder disfrutar do 25 de xullo coa satisfacción de ter desenvolvido un dos servizos máis importantes desta entidade nos últimos anos.
Trátase da mellora do Sistema de Información Patrimonial (SIP) da Cidade Histórica de Santiago de Compostela, que se vén de activar na Rede para facilitar o traballo de cartografía e documentación de todo o público en xeral e dos técnicos en particular.
Desde o 2009 este sistema estaba dispoñible para os xestores do Consorcio e doutros organismos participantes no proxecto e a partir de agora publicarase a información Patrimonial, tanto cartográfica como documental, na Rede, para poñela a disposición dos internautas que accedan á ferramenta en liña.
Este sistema foi creado polo Consorcio de Santiago de Compostela en colaboración co Centro Nacional de Información Geográfica (CNIG), do Instituto Geográfico Nacional (IGN) do Ministerio de Fomento. Outros organismos participantes no proxecto son: o Laboratorio de Arqueoloxía da Paisaxe pertencente ao Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e o Concello de Santiago de Compostela.
O SIP é un sistema xeodocumental de xestión, inventario e administración do Patrimonio, mediante o cal é posible xestionar de forma unificada as actuacións que se realicen, no ámbito de competencia do Consorcio, tanto de carácter arquitectónico como arqueolóxico.
Este sistema, ademais de permitir que as persoas usuarias empreguen de forma transparente as tecnoloxías dos SIX e de Xestión documental, e accedan de maneira segura á información sobre o patrimonio histórico, facilitaralle aos técnicos os seus labores diarios de xestión de proxectos de intervención sobre elementos deste campo e apoiará os labores de investigación sobre a cidade.
Grazas a este proxecto, a Xerencia do Consorcio de Santiago de Compostela dispón agora dunha “potente aplicación” que lle permite visualizar e analizar a información cartográfica dixital da Cidade Histórica; sobre ela pode situar e relacionar todos os elementos patrimoniais e asociar, a cada un deles, o arquivo de todas as actividades documentais xeradas polo Consorcio axudándolle na toma de decisións e achegando un valor adicional nas súas tarefas diarias relacionadas co Patrimonio.
O Sistema de Información Patrimonial da Cidade de Santiago de Compostela, segundo informan dende a entidade, “pretende converterse no modelo de referencia para os sistemas integrados de xestión de Patrimonio Histórico, que sirvan de impulso e potencien a imaxe de Santiago de Compostela a nivel mundial”.

PUBLICIDADE