O ordenador super-compacto FlipStart baixa drasticamente o seu prezo

venres, 18 de xaneiro do 2008 Marcus Fernández

A explosión dos UMPC no mercado parece traducirse nunha baixada de prezos (en boa medida grazas a equipos coma o Asus Eee PC) e o FlipStart, equipo que saíra o pasado marzo a uns 2.000 dólares, anuncia unha drástica rebaixa que o sitúa nos 699 dólares, o que o fai relativamente barato.
O FlipStart é un equipo de reducido tamaño (14,99 x 11,43 x 3,43 centímetros) e só 680 gramos de peso, que inclúe unha pantalla de 5,6 polgadas cunha resolución de 1.024 x 600 píxeles, pantalla exterior de 1,8 polgadas e unha resolución de 220 x 176 píxeles, teclado QWERTY retroiluminado, procesador Intel Pentium M a 1,1 GHZ, 512 Mb de memoria RAM DDR2, disco duro de 30 Gb, webcam, touchpad, 2 portos USB 2.0, Fast Ethernet, saída VGA e unha autonomía de entre 3 e 6 horas (segundo o modelo de batería usado).
Ademais, ten unha alta conectividade, pois aparte de Wi-Fi e Bluetooth, tamén soporta conectividade móbil EV-DO (tecnoloxía utilizada pola operadora Sprint nos EE.UU.).

PUBLICIDADE