O operador galego R pecha 2006 cun aumento dos beneficios do 219% con respecto ás cifras do ano anterior

mércores, 17 de xaneiro do 2007 Fernando Sarasketa

Como cada ano, o operador galego R olla cara a atrás e fai reconto do acadado, tanto no que se refire a facturación e beneficios como no que atinxe ó grao de cobertura da súa rede de fibra óptica en Galiza. A presentación dos datos perante os medios informativos celebrouse este mércores na sede de R na rúa Real da Coruña, e todo indica que existen razóns para o optimismo, tanto para a propia firma respecto do seu futuro como para o despregue da infraestrutura de seu, que semella lonxe do estancamento. Foi alí, na sede de R, onde se fixo saber o seguinte dato: a empresa vén de pechar 2006 cun beneficio antes de impostos de 12,7 millóns de euros, o que significa un incremento de case un 219% con respecto ó ano anterior. Asemade, a operadora acadou un beneficio neto de 8,6 millóns (estando pendente a auditoría e o axuste ó novo modelo fiscal do estado), o que representa un 132% máis có ano pasado. As razóns deste crecemento? A xuízo da empresa galega hai que rastrexalas no apoio dos clientes na nosa terra e posiblemente “na estrutura de custos máis lixeira do sector en España”. A firma, que tamén destaca en rendibilidade por enriba dos restantes operadores de telecomunicacións do estado, achegoulles ós medios información sobre cobertura en Galiza e planes a curto e medio prazo:

· Na nosa terra, a rede de R ten xa unha cobertura de 578.644 fogares e empresas, sendo 1.200.000 as persoas que poden recibir os servizos potencialmente. Os domicilios e oficinas clientes de R eran 199.467 ó peche de 2006.

· A gran previsión da empresa é chegar ó 60% dos galegos nun prazo de dous anos. Neste senso, o investimento acumulado do operador en Galiza sitúase a rendes dos 700 millóns de euros. Así, segundos datos da firma galega nun informe recente, ás trinta localidades que xa teñen rede de fibra óptica e servizos de R (en 2006 foi habilitada en once concellos), a empresa galega vai sumar en 2007 outras dez: Lalín, Ponteareas, Sanxenxo, Moaña, Bueu, Cedeira, Ordes, As Pontes, Chantada e Xinzo de Limia.

Ademais, o operador confía en acadar nas primeiras semanas de deste ano en curso a licenza para comezar as tarefas de despregue en Ponteceso, Boiro, Allariz e O Grove. Asemade, segundo apunta R, está previsto que nestes catorce núcleos de poboación se conecten á infraestrutura do operador preto de 59.000 vivendas e locais empresariais.

Estas e outras cifras foron comentadas durante a presentación por Arturo Dopico, conselleiro delegado: “Os resultados de 2006 ratifican a liña de crecemento e consolidación da empresa con Galicia. O esforzo continuo dos profesionais e empresas que traballan no proxecto de R acadaron a implantación duns servizos de gran calidade e unha salientable eficacia nos custos, o que permite xa que se recuperen os importantes investimentos precisos para construír esta rede de fibra óptica”. E engadiu, facendo referencia ó apoio dos galegos a unha empresa da súa terra: “Por sorte, os fogares e empresas de Galicia están a respaldar de xeito maioritario esta aposta, elixindo a calidade e prestacións desta nova infraestrutura fronte ó resto das opcións que non apostaron por desenvolver unha nova rede”.

PUBLICIDADE