O operador Masvoz lanza unha ferramenta para evitar aos traballadores ter que carretar varios terminais

venres, 21 de febreiro do 2014 Redacción

O operador de telecomunicacións Masvoz vén de sacar á luz unha aplicación dirixida a permitirnos utilizar, no ámbito empresarial, o noso propio dispositivo persoal coma se fose un móbil da compañía. A principal vantaxe disto, sinala a compañía, estriba en que daremos evitado ter que cargar con dous aparellos móbiles, por outra banda “unha escena cada vez máis frecuente”, din fontes de Masvoz. A aplicación chámase Bizphone e, ademais de comodidade, polo visto tamén xera aforro. En palabras da empresa, trátase dun aforro que pode chegar ao 80% con respecto ás tarifas dos operadores móbiles tradicionais. A razón disto hai que rastrexala nun dato que Masvoz cualifica de ben simple: os seus prezos “son máis reducidos”.
Para comezar a empregar a dita ferramenta, no intre en que unha empresa se dea de alta en Masvoz deberá autorizar aos traballadores para que poidan utilizar a aplicación e empezar a chamar desde o seu teléfono a custo da compañía. A aplicación permite modificar o número de liñas que están autorizadas para empregala, “o que deixa marxe ás empresas para variar o número de terminais autorizados en función das necesidades puntuais de produción”. Por outra banda, non ten un límite concreto de usuarios nin de liñas permitidas e trátase dunha aplicación pensada para todo tipo de empresas. Respecto do seu uso, a empresa explícao deste xeito: “Cando se marca o número desde o teclado de Bizphone ou selecciónase o destinatario da listaxe de contactos, a plataforma de servizos na nube de Masvoz lanza unha chamada cara ao número do traballador; unha vez descolga emítese a chamada cara ao contacto co que quere falar”.

PUBLICIDADE