O obradoiro EmpregaTIC de Lugo arrinca en setembro

xoves, 28 de xullo do 2016 Redacción

A xunta de Goberno do Concello de Lugo vén de aprobar a execución do obradoiro de emprego EmpregaTIC, unha iniciativa dirixida a achegar a 15 desempregados locais medio ano de formación especializada no eido das novas tecnoloxías da información. Este futuro de EmpregaTIC, unha clara aposta a prol da empregabilidade pola vía tecnolóxica, foi dado a coñecer este mércores polo voceiro municipal, Miguel Fernández, que lembrou que o orzamento para o obradoiro é de 130.800 euros (subvención da Consellería de Economía, Emprego e Industria) e que as persoas que queiran participar nesta iniciativa de formación innovadora deben dirixirse ás oficinas de emprego, formalizando previamente a súa inscrición no Plan de Garantía Xuvenil. A selección terá lugar en agosto. En setembro, co curso académico, comezará oficialmente EmpregaTIC.
Este programa, por certo, ten unha vertente dupla: amais de impulsar a empregabilidade no termop municipal diríxese a reivindicar e visualizar o rico patrimonio documental, natural e histórico do concello. E todo a través das novas tecnoloxías.
EmpregaTIC artéllase en dous módulos: Xestión de marketing e comunicación, para 8 alumnos e Desenvolvemento de produtos multimedia interactivos, para 7 alumnos. Entre as actuacións principais atópase o deseño dun produto multimedia onde consultar os arquivos dixitalizados, a realización dun vídeo e dunha infografía, e a posta en marcha dun plan de mercadotecnia, así como eventos sobre cultura dixital, entre outros. Os participantes obterán os certificados profesionais homologados pola Xunta de Galicia para desenvolver estes traballos.
Segundo informou o Concello, EmpregaTIC dará continuidade aos tres últimos obradoiros que financiou ao Concello a Administración Autonómica: a Memoria da Cidade, Arqueo Lvcvs e Urbs Lvcvs, relacionados coa xestión documental, arquivo, dixitalización e catalogación do patrimonio histórico e cultural do que é titular o Concello de Lugo. “Estas medidas”, engade o Goberno local, “favoreceron a inserción de 70 persoas desempregadas, contribuíndo a atesourar 198 libros, 21.000 imaxes, 2.300 planos, máis de 3.200 fotografías e dixitalización 3D”.

PUBLICIDADE