O número de persoas afiliadas á Seguridade Social no Hipersector TIC galego medrou nun 0,2%

luns, 3 de maio do 2021 S. P.

O observatorio OSIMGA, dependente da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), comezou o mes de maio dando a coñecer os detalles do seu recente Estudo sobre o Hipersector TIC de Galicia, unha nova radiografía do panorama actual de empresas tecnolóxicas e de contidos da nosa terra. Segundo se fai saber, unha vez máis trátase dunha radiografía onde predominan os datos positivos. Sobresae entre todos eles o seguinte: o número de firmas do que se coñece como “Hipersector TIC” medrou en Galicia un 4,5%, fronte á media estatal do 0,1%. Amais, a día de hoxe, conta con 24.393 persoas empregadas afiliadas á Seguridade Social, un 0,2% máis que o ano anterior.
No estudo tamén se achega o seguinte dato de interese: o Hipersector TIC é un dos sectores económicos máis resilientes na actual conxuntura marcada pola COVID-19, cun incremento no emprego que no sector TIC foi do 1,9% (no período 2019-2020), situándose nos 19.343 traballadores, mentres o sector de contidos emprazouse nos 5.050 empregados/as.
O informe indica tamén que no ano 2019 estaban rexistradas en Galicia un total de 3.830 empresas dedicadas a actividades adscritas ao Hipersector TIC, cun crecemento do 4,5% no último ano. Este incremento mantén a Galicia na quinta posición estatal por número empresas deste segmento, unicamente superada por Madrid, Cataluña, Andalucía e a Comunidade Valenciana. Asemade, o informe salienta o crecemento sostido no número de empresas do Hipersector TIC galego nos últimos anos, acumulando un aumento de máis dun 15% dende o ano 2015.
A análise dos dous sectores que conforman o Hipersector TIC indica que: o sector TIC acada as 2.897 empresas, un 4,1 % máis que o ano anterior e representa máis do 75% do total do Hipersector TIC. Pola súa banda, o sector Contidos experimenta un crecemento do 5,8% e sitúase en 933 empresas.
O informe sinala que o valor engadido bruto (VEB) do Hipersector TIC galego aumentou un 2,5% no último ano e supera os 1.744 millóns de euros, o que representa o 2,8% do PIB galego. O VEB no Hipersector TIC creceu un 20% respecto ao ano 2015, en consonancia co incremento observado na demografía empresarial e no emprego.
A balanza comercial do Hipersector TIC deixou en Galicia máis de 95 millóns de euros en exportacións no ano 2019. Pola súa banda, as importacións acadaron practicamente os 136 millóns de euros.
A fabricación de equipos de telecomunicacións (CNAE 26.3) é a actividade que acada unha maior cifra de exportacións, con máis de 49 millóns de euros, o que supón o 51,3% do total de exportacións do Hipersector TIC de Galicia
O informe tamén analiza a actividade innovadora entre as empresas de 10 ou máis empregados/as, utilizando os últimos datos dispoñibles das enquisas de innovación e I+D do INE.
No período 2017-2019, 1.665 empresas galegas de 10 ou máis traballadores/as realizaron algún tipo de actividade innovadora, o que representa o 22,4% das empresas galegas deste volume de emprego. Galicia ocupa así a sexta posición no ranking estatal de empresas innovadoras.
As empresas galegas de 10 ou máis empregados/as acadaron un gasto en actividades innovadoras de 760 millóns de euros no ano 2019. En canto ao gasto tecnolóxico para realizar actividades de innovación das empresas galegas de 10 ou máis empregados/as, unha de cada tres mercaron tecnoloxía xa coñecida pola empresa ou unha actualización da preexistente, superando a media estatal en 3,2 puntos porcentuais. No caso de compra de nova tecnoloxía, o 6,9% das empresas galegas mercaron nova tecnoloxía, non utilizada previamente pola empresa.
No ano 2019, as empresas galegas destinaron máis de 627 millóns de euros a gastos internos de I+D, o que supón un incremento do 6,2% con respecto ao ano anterior. Galicia permanece na sétima posición das Comunidades que máis investiron en I+D respecto ao conxunto estatal. O número de traballadores/as en I+D en Galicia acada os 11.085 empregados/as, 454 máis que o ano anterior, o que representa un incremento do 4,3%.
Distribución do emprego por provincias e xénero
A análise provincial indica que A Coruña, cun 58,2%, e Pontevedra, cun 28,1%, seguen a ser as que concentran un maior número de traballadores do Hipersector TIC.
Respecto á actividade onde se rexistrou o maior incremento de traballadores/as no último ano, destaca o das Actividades da tecnoloxía da información, que aumentou un 5,9%, superando os/as 12.100 traballadores/as.
A análise do emprego segundo o xénero no Hipersector TIC indica que un 67,4% son homes fronte a un 32,6% de mulleres. No informe sinálase que “esta fenda de xénero faise máis patente no sector TIC, no que a porcentaxe de mulleres é do 30,4% mentres que no sector contidos, as mulleres representan o 41,2%”.

PUBLICIDADE