O núcleo e a documentación do xogo A batalla por Wesnoth, 100% na nosa lingua

xoves, 20 de xaneiro do 2011 Fernando Sarasketa

Dende Proxecto Trasno, Miguel Branco infórmanos dunha importante novidade no eido da programación aberta dispoñible en galego. Trátase da tradución completa á nosa lingua do núcleo e máis da documentación de A batalla por Wesnoth. Este proceso de adaptación ao galego do miolo do coñecido xogo de estratexia (inspirado nas novelas e cómics de fantasía heroica) implicou traballar con máis de 3.300 cadeas de información. Segundo informa o noso compañeiro Branco, a mellor parte de contar no núcleo deste xogo na nosa lingua é que con isto resulta doado localizar erros de internacionalización: “Calquera texto que non apareza traducido no xogo e non sexa unha campaña é moi probablemente porque non está internacionalizado de xeito correcto”. Foi deste xeito como se detectou un erro sobre a imposibilidade de traducir certos termos, carencia que os desenvolvedores de xogo, segundo informa Trasno, solucionaron de contado. Deste xeito, o traballo de adaptación á nosa lingua puído ser completado.
O traballo non ficou aí, xa que logo da translación veu a revisión polo miúdo do labor despregado. Durante este repaso exhaustivo fíxose especial fincapé na aplicación do vocabulario acordado durante a Trasnada ’’10, un modelo de uso que lle acaeu moi ben ao traballo feito previamente, posto que se puído comprobar que este concordou en liñas xerais cos criterios escollidos na Trasnada. A este respecto, “foron de moita axuda as regras desenvolvidas por Marce Villarino para a detección de posibles casos mediante a ferramenta Pology de KDE”, infórmase.
Logo de ter rematado con estes traballos, publicouse a versión 1.9.4 do xogo. A día de hoxe fican aínda uns pequenos detalles por ultimar, como a revisión da tradución das campañas ou a tradución das imaxes (cousa que segundo conta Trasno non se abordou nunca antes). A continuación, estímase que se comezará coa adaptación á nosa lingua das campañas non oficiais. Polo tanto, o traballo segue, pero o importante é que o miolo do mesmo xa está plenamente adaptado ao noso.
Nos últimos días, proseguen fontes deste colectivo ligado á programación aberta, solucionouse outro dos erros do xogo dos que informara o equipo de tradución ao galego, confirmouse outro, e informouse dun terceiro relacionado co manual interno do xogo. “Isto”, comentan, “foi consecuencia do propio proceso de tradución, que esixe fixarse en tódolos detalles, e que como se pode comprobar acaba axudando de xeito directo ao desenvolvemento do xogo; esperemos que se vaian solucionando para que a versión final sexa unha verdadeira xoia”.
Para os que desexen colaborar na tradución do xogo, cómpre sinalarlles que se pode facer a través da páxina de A batalla por Wesnoth en Trasno.

PUBLICIDADE