O novo proceso de dixitalización de documentos históricos de Ribeira remata o período de presentación de ofertas

xoves, 21 de outubro do 2021 S. P.

O novo proxecto de dixitalización do Arquivo Histórico de Ribeira impulsado polo Concello recibiu finalmente (rematado o período habilitado para a presentación de ofertas) tres candidaturas doutras tantas empresas. Trátase de adaptar aos novos formatos unha nova remesa de documentos custodiados no Arquivo Histórico Municipal para que poidan ser consultados telematicamente. En concreto, o plan é dixitalizar un total de 66.273 páxinas pertencentes a preto dunha trintena de clases de documentación.
Actas da comisión municipal permanente (de 1924 a 1985), actas de pleno (de 1990 a 1998), libros de padróns de habitantes, libros rexistro de salvocondutos (1946-1947), ordenanzas municipais (1867-1880), libros rexistro de entrada e saída de buques (de 1863 e 1896) ou algúns máis específicos como actas da xunta soberana da revolución de 1968 son algúns dos documentos que se dixitalizarán nesta fase.
83.000 páxinas xa dixitalizadas
O Concello explica que a documentación xerada poderá ser consultada de balde a través do Arquivo Dixital de Galicia (Galiciana), do cal xa está habilitada unha ligazón específica na web do Concello cos accesos aos documentos históricos locais xa a disposición da cidadanía, conformando máis de 83.000 páxinas.
Este investimento está subvencionado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA).

PUBLICIDADE