O novo presidente do Cluster TIC fai un chamamento á unidade do sector

martes, 29 de novembro do 2011 Fernando Sarasketa

O Cluster TIC ten facianas novas para iniciar novos camiños e entre alas atópase a do coruñés Gerardo Crespo, un profesional do sector que vén de fóra do sector (os seus estudos son de bioloxía e farmacia) e se cadra por este motivo, por ver as cousas dende dentro pero tamén externamente, preséntase como un máis que axeitado presidente do Cluster TIC de Galicia. Nas súas mans queda superar certos problemas de cohesión e de representación (problemas que se saldaron coa marcha de preto de medio centenar de integrantes) e, segundo el mesmo indica para o xornal Atlántico, certos “personalismos e minifundios que non levan a ningunha parte”.
Crespo, director de Azetanet (centrada na consultoría e formación), chega ao Cluster cun panorama de 70 empresas integrantes e unha representación do sector galego de arredor do 70%, con importantes ausencias como a de EGANET ou AGESTIC, por poñer uns exemplos. Segundo avanza para a dita entrevista, o principal no que se refire ao comezo da súa xestión é traballar a prol dunha maior unidade, dunha unidade total. Este foi, segundo confesa, o seu obxectivo á hora de presentarse como presidente: “Dar a entender a tódalas empresas e asociacións que o Cluster é unha entidade que ten defender os intereses de todas e todos, e ao mesmo tempo, que sexa un interlocutor coas administracións”. Ao seu xuízo, o potencial do sector tecnolóxico-galego é máis grande aínda do se pensa: temos entre mans unha tarefa de primeira orde, modernizar e lanzar cara a o futuro o noso tecido produtivo. Na súa opinión, sectores como os das TIC son os que terán que tirar da economía galega.

PUBLICIDADE