O novo escenario europeo de servizos pode ser unha «grande oportunidade de especialización e internacionalización para as TIC galegas»

venres, 20 de novembro do 2009 Marcus Fernández

A presidenta da Asociación de Empresas Galegas adicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (EGANET), Beatriz Legerén, cualificou o novo mercado europeo dos servizos que establecerá a Directiva de Servizos da UE como unha «grande oportunidade» para as empresas TIC galegas, posto que lles permitirá traballar fóra das nosas fronteiras e fomentará, segundo explicou, «a posibilidade de colaborar entre nós» á hora de desenvolver produtos e servizos e internacionalizalos. Beatriz Legerén participou na mesa redonda sobre o sector das TIC perante a Directiva Europea de Servizos, organizada nos foros da EGAP, en Santiago de Compostela, e moderada pola secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira.
A presidenta de EGANET sinalou que ante o novo escenario as empresas se «verán na obriga de especializarse, de seren as mellores en áreas específicas de actividade», o cal redundará, dixo, na creación dunha economía «cada vez máis forte e sólida». Ademais, sinalou que as agrupacións de empresas que oferten servizos en sectores específicos ou outras experiencias conxuntas igualmente «poderían converterse en grandes empresas».
O encontro organizado pola EGAP contou tamén coa participación do vicetesoureiro do Colexio Profesional de Enxeñería en Informática de Galicia, Xosé Antón Campos, o director-xerente do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicacións de Galicia, Ricardo Fernández, o director xeral de Arantia, Jacobo Penide, o xerente de Desenvolvemento de Negocio de R, Antonio Rodríguez del Corral, e o catedrático de Dereito Administrativo da Universidade de Valladolid, José Carlos Laguna.

PUBLICIDADE