O novo equipo da Deputación de Lugo anuncia que seguirá impulsado as TIC na provincia

luns, 26 de outubro do 2015 Redacción

A Deputación de Lugo presentou hoxe o novo goberno de seu, presidido por Darío Campos Conde e con Antonio Veiga Outeiro asumindo o cargo da vicepresidencia. Lembrar que o novo goberno da Deputación é o resultado da recente moción de censura que devolveu o organismo provincial ao PSOE e ao BNG. Segundo fixeron saber, o novo equipo reestruturou a Deputación en oito áreas provinciais. O ámbito de traballo que nos ocupa, a Área de Promoción Económica e Social, “será un dos departamentos máis relevantes”, fixeron saber.
O obxectivo é seguir impulsando novos plans de emprego e de servizos sociais. Á fronte desta Área estará Álvaro Santo Ramos, que foi deputado de Cooperación e Asistencia no anterior mandato. Este departamento dividirase en dúas delegacións: por unha banda Innovación, TIC, Participación Cidadá e Transparencia, e pola outra Ensino, Educación, Economía do Coñecemento, Igualdade e Mocidade.
A primeira das delegacións (Innovación e TIC) estará a cargo de Pablo Rivera Capón, responsábel durante os últimos anos do Servizo de Novas Tecnoloxías da Deputación. Dende o departamento dirixido por Pablo Rivera, fíxose saber, “seguiranse a impulsar as novas tecnoloxías na provincia para que todos os lucenses, principalmente os nosos maiores, teñan acceso ás mesmas e coñezan as súas vantaxes co obxectivo de mellorar a súa calidade de vida”. Asemade, fomentarase a participación cidadá e a transparencia na xestión provincial. “O noso obxectivo”, engadiron, “é que a Deputación de Lugo continúe sendo unha das institucións máis transparentes de España”.
Polo que respecta á delegación de Ensino e Economía do Coñecemento, estará dirixida por María Loureiro, alcaldesa de Viveiro.

PUBLICIDADE