O novo disco de Manu Chao, en descarga libre dende a web de La Colifata

mércores, 29 de xullo do 2009 Fernando Sarasketa

Manu Chao segue a traballar para establecer novos xeitos de comunicación entre os músicos e os seareiros, xeitos que pasan por tirar abaixo unha boa parte dos métodos tradicionais de compravenda de discos, que non o negocio na súa totalidade. A idea fundamental: aplicar ao mercado discográfico os fundamentos do chapeu dun artista que se move entre o público logo dunha actuación. Esta máxima de que cada quen pague segundo as súas posibilidades é a que acompaña a disposición na Rede do novo traballo de Manu Chao, achega musical xurdida das experiencias do músico francogalego cos/as internos/as do Hospital Psiquiátrico José Borda de Bos Aires, mundialmente coñecidos por ter mantido activa durante anos a emisora de radio La Colifata.
Segundo conta estes días Vieiros, é precisamente da web desta canle onde se dispuxo o novo disco de Chao en libre descarga (de balde, pero aberto ás doazóns dos internautas).
O traballo musical tivo a súa orixe nas visitas que o artista lles fixo aos internos do dito centro psiquiátrico durante unha das súas xiras en Arxentina, concretamente a da promoción do seu disco La Radiolina. Estas tomas de contacto deron como resultado unha serie de gravacións, que son as que agora se presentan, en parte para dar a coñecer os métodos alternativos de tratamento de doentes mentais (participativos, dialogantes e creativos) polos que o devandito Hospital Psiquiátrico leva loitando dende hai anos.

PUBLICIDADE