O novo consistorio de Lalín disporá dun taboleiro de anuncios dixital

mércores, 12 de xaneiro do 2011 Fernando Sarasketa

O novo consistorio de Lalín, amais dos recursos humanos, físicos e virtuais cos que soe contar unha casa do concello, disporá dunha infraestrutura tecnolóxica pública dirixida a favorecer a comunicación coa veciñanza. Máis polo miúdo e segundo informan dende a web do propio Goberno local, trátase dun taboleiro de anuncios dixital de 50 polgadas que complementará e fará visible o novo sistema informático ao que vai dar acubillo o concello de Lalín. Coma se dunha páxina web en directo de uso colectivo se tratase, o dispositivo dará conta de todo tipo de información relacionada coa vida pública local, informes municipais e máis de outras administracións.
Detrás desta infraestrutura atópase a empresa Arantia 2010, con sede en Santiago, unha compañía que centra a súa actividade nas solucións interactivas e que contou para esta infraestrutura cun financiamento de 5,8 millóns de euros.
Segundo informa o Concello de Lalín, o obxectivo deste equipamento é duplo: por unha banda mellorar a comunicación coa cidadanía e pola outra favorecer o traballo da propia administración local, permitíndose unha achega inmediata e doada da información que se xere, tanto a dirixida a veciñanza como a que de orde interna.
Asemade, o dispositivo tamén ten potencial para a achega de recursos turísticos ou culturais, tendo en conta que unha boa parte das persoas que demanden servizos desta índole adoitan a visitar a casa do consistorio.

PUBLICIDADE