O novo álbum de Drake bate marcas en streaming

luns, 2 de xullo do 2018 Marcus Fernández

O feito de que cada vez sexa máis habitual que os consumidores escoitemos música en streaming ten unha consecuencia directa: non paran de establecerse novos records. Así temos agora como o novo álbum de Drake, Scorpion, vén de establecer unha nova marca tanto en Spotify como en Apple Music.
No caso de Apple Music, o propio servizo musical publicou en Instagram que o álbum estreado o pasado venres superou os 170 millóns de streams en 24 horas, mentres que en Spotify conseguiría manter unha media de 10 millóns de streams á hora, polo que podería chegar a converterse no primeiro álbum en superar os 1.000 millóns de streams nos EE.UU. na súa primeira semana. A propia patronal da industria discográfica nos EE.UU. (a RIAA) vén de certificar a Drake como o artista con máis sinxelos vendidos en formato dixital, con 142 millóns de unidades, superando os 124 millóns de Rihanna.
Cómpre destacar que o éxito de Drake é principalmente norteamericano, e en países de fala inglesa, mentres que noutros mercados os seus resultados son moito máis modestos. Por exemplo, segundo SpotifyCharts o pasado venres o tema de Drake máis escoitado en España sería Don’t Matter To Me, con 145.010 reproducións, o que o situaría no posto 31 en volume de reproducións (o seguinte tema do artista quedaría no posto 62), mentres que os temas máis escoitados triplicarían o número de reproducións, e serían cancións dun corte moi diferente, como o Sin Pijama de Becky G.

PUBLICIDADE