O novo acordo formativo entre o CPEIG e Igualdade quere chegar a 250 mulleres galegas
xoves, 4 de decembro do 2014
O Colexio
Profesional de Enxeñaría en Informática (CPEIG) vén de renovar o
seu acordo coa Secretaría Xeral de Igualdade, un acordo
encamiñado en boa medida a achegar formación TIC a mulleres a
través da Rede Emprende. Estas actividades, fíxose saber na
presentación da nova alianza, virán da man dos profesionais do
propio Colexio e chegarán nesta segunda convocatoria a unhas 250
alumnas. O programa Rede Emprende en Igualdade, informa o CPEIG, é
unha iniciativa que xorde da colaboración entre ámbalas entidades,
ás que cómpre engadir a Axencia para a Modernización Tecnolóxica
de Galicia, AMTEGA. Búscase, ante todo, loitar contra a fenda
dixital de xénero na nosa terra, fornecendo ás mulleres de
coñecemento básico e avanzado en materia TIC.
A iniciativa foi posta en marcha o ano pasado como
experiencia piloto e brinda unha serie de cursos que comprenden un
conxunto de actuacións de asesoramento, apoio e formación dirixidas
ás mulleres potencialmente emprendedoras, na procura de emprego ou
con arelas de formarse. O obxectivo, explican fontes do Colexio que
preside Fernando Suárez, “é axudalas na posta en marcha ou
modernización das súas empresas e na procura de emprego para
fomentar a súa adaptabilidade e concorrencia no mercado actual”.
Achegando a parte formativa dos cursos atópanse as colexiadas e
colexiados do CPEIG, como dixemos, encargándose de fornecer
coñecemento e asesoramento nas seguintes materias: iniciación a
Internet e redes sociais; novas tecnoloxías e emprendemento; novas
tecnoloxías e busca de emprego, e redes e transposición de
experiencias.
Mulleres dos concellos de Ribeira, Padrón, Ferrol,
Xermade, Burela, Celanova, Xinzo de Limia, Cuntis, A Estrada e
Vilagarcía de Arousa poderán formarse ao abeiro de Rede Emprende.
En total serán unhas 250 alumnas, 100 máis respecto á edición
piloto. Os cursos, cunha duración de 20 horas, teñen un máximo de
25 alumnas cada un e celébranse na aula CEMIT existente no
correspondente concello.