O mundo de posibilidades que se abre con Arduino, ao detalle no Campus de Pontevedra

luns, 26 de febreiro do 2018 Redacción

Este mes de febreiro púxose en marcha no Campus de Pontevedra, organizado pola Vicerreitoría, un curso aberto que nos abre un mundo de posibilidades (de deseño, de desenvolvemento ou mesmo de adaptación de dispositivos electrónicos a todo tipo de funcionalidades e necesidades) arredor da placa libre Arduino. O obradoiro Introdución a Arduino e programación en C vén da man de Esteban Manuel Oubiña e Rabi Ouallam. Ademais, abrangue 30 horas de formación sobre esta plataforma de software e hardware libre, achegando contidos e adestramento en desenvolvemento tecnolóxico (robótica, intelixencia artificial, automatización industrial) a 14 persoas, entre as que se se contan estudantes e docentes de diferentes centros do campus.
De carácter práctico, o taller busca achegar aos asistentes ás características das placas electrónicas máis comúns e amosarlles como executar programas no microntrolador, amais de fornecelos dunhas dunhas primeiras nocións da linguaxe de programación. Segundo explican os formadores, unha das primeiras prácticas do obradoiro pasa por aprender a modificar e implantar na placa a programación en código libre que se atopa na Rede de acceso libre. En termos máis concretos, o uso destes elementos para a fabricación dunha maqueta dun semáforo (que o alumnado debe programar para que sexa capaz de acender e apagar cada luz un tempo determinado), constitúe un exemplo das propostas a realizar no taller. Este lévase a cabo Escola de Enxeñaría Forestal ata finais de abril. “Despois tamén lles imos a preguntar aos participantes se teñen algún proxecto para levar a cabo, xa que imos intentar que o obradoiro sexa mías un traballo en equipo, no que aprendamos todos á vez, que unha clase profesor-alumno”, salienta Oubiña dunha actividade que nese senso, busca tamén que os alumnos e alumnas “se lles ocorran cousas e proben a facelas”.
Este curso de introdución ao Arduino foi o primeiro dos seis obradoiros, abertos a toda a cidadanía, que a Vicerreitoría do campus impulsou para este segundo cuadrimestre e ao que se sumarán novas propostas entre os meses de marzo e maio. De feito, permanece aberta a inscrición, cun custo de 26 euros para os membros da comunidade universitaria e de 40 para persoas alleas á institución académica, nos talleres Control de son en radio, Cartografías da ficción televisiva, Escalada en rocódromo e Locución audiovisual.

PUBLICIDADE