O móbil perfílase como o instrumento básico dunha nova iniciativa para recuperar a práctica de ir camiñando ao cole

mércores, 8 de xaneiro do 2014 Fernando Sarasketa

As cidades do futuro serán máis habitábeis, seguras e limpas grazas ás novas tecnoloxías. Isto vai por todos aqueles, nós incluídos, que de vez en cando déixanse levar por unha concepción negativa de máis das TIC, sobre todo en relación ás novas xeracións. Que se os rapaces son moi dependentes dos móbiles e as redes sociais, que se aínda non saben usalos, que se non saen da casa porque están todo o día cos aparellos. Vale, todo iso pode ser certo de non haber unha boa supervisión, pero tamén semella ser certo que moitas das posibilidades que teñen de facer un mundo mellor pasan polas tecnoloxías. Hoxe toca falar dun emprego ideal destes recursos: o que se está levando a cabo para combater o coche no transporte aos colexios.
Falamos de alternativas ao coche que van alén de empregar o transporte urbano e que retoman vellos hábitos: de cando se podía xogar coa pelota na rúa sen risco de que se achegara un deses pilotos afeccionados de Fórmula 1 que cren que o mundo é unha pista á súa disposición. Esta iniciativa da que imos falar, a iniciativa Trazeo, diríxese pois a permitir que os escolares reconquisten as rúas, sobre todo nas principais cidades, que son as que máis problemas de tráfico adoitan ter, ao mesmo tempo que se contribúe a loitar contra o sedentarismo, a falta de autonomía e os atrancos que un uso excesivo do coche poñen no camiño do desenvolvemento persoal dos máis pequenos. Dito doutro xeito: camiñar en compañía de outros rapaces é moito máis saudábel, seguro e limpo.
Este tipo de medidas, como lembraremos, xa chegaron á nosa terra: tanto en Pontevedra coma en Carballo os Concellos puxeron en marcha cadansúas iniciativas para permitir que centos de nenos tomen as rúas cada mañá para enfiar en dirección aos seus colexios. Trátase, tamén, de permitir un coñecemento máis amplo das cidades nas que viven os cativos, cousa á que contribúen os voluntarios colaboradores que se sitúan nos puntos urbanos de meirande risco e, tamén, os comerciantes que se emprazan nas rutas e que interactúan coa rapazada (comerciantes que sitúan en cadanseu local un distintivo por se algún neno necesita que lle boten unha man).
Nun plano máis tecnolóxico cómpre situar a devandita iniciativa Trazeo Camiños Escolares, unha proposta semellante á posta en marcha en Pontevedra e Carballo pero que afunde a súa metodoloxía nun emprego íntegro das novas tecnoloxías da comunicación por parte dos escolares e os seus supervisores. O proxecto, que está estes días na plataforma Goteo procurando recursos para o deseño dunha aplicación específica de rutas seguras, baséase en repropoñer o concepto de camiñar ao cole e achegalo, agora, como “unha experiencia práctica de sustentabilidade urbana, ao tempo que se estende o coñecemento sobre as alternativas ao emprego do vehículo motorizado”. A medida está dirixida a pais, asociacións escolares e comunidade educativa en xeral, pero tamén aos representantes de comercios locais, que coma no caso xa probado de Pontevedra e Carballo, teñen perante súa unha importante oportunidade para contribuír a crear cidades máis habitábeis e seguras. Sinalar que tamén desenvolverían o papel de vixilantes dos espazos nos que se desenvolven os percorridos. O resultado deste proxecto será unha aplicación web aberta (software libre, de potencial integración en calquera cidade) que permitirá aos usuarios organizar e xestionar rutas: dende a aplicación, o acompañante do grupo supervisará e xestionará elementos como o inicio do traxecto e a publicación da posición dos rapaces ao longo de toda a liña de desprazamento (co fin de que os pais sexan quen de visualizalo). Tamén se buscará familiarizar aos pequenos coa tecnoloxía QR, que permita un mellor seguimento e posibilidades de localización. Os promotores da iniciativa xa recadaron preto de 9.000 euros, e o obxectivo é chegar aos 15.000. Trazeo vén da man dos cordobeses Pedro Pérez, Eva Puche, Rafael Obrero e Fernando Hidalgo.

PUBLICIDADE