O móbil adianta ao ordenador como método de acceso á Rede

luns, 4 de abril do 2016 Redacción

Telefónica presentou hoxe a XVI edición do informe anual A Sociedade da Información en España correspondente ao ano 2015, nun acto que contou coa presenza do secretario de Estado de Telecomunicacións e para a Sociedade da Información, Víctor Calvo Sotelo, o vicepresidente executivo da Fundación Telefónica, Emilio Gilolmo, e o presidente de Telefónica España, Luis Miguel Gilpérez. O informe pretende reflectir a realidade actual do comportamento dos usuarios dos servizos da Sociedade da Información e expor as tendencias dixitais que impactarán na sociedade nun futuro próximo, confirmando unha vez máis a acelerada dixitalización da vida dos españois, con 27,15 millóns de usuarios de entre 16 e 74 anos que se conectan regularmente á Rede, dos que 22,2 millóns conectaríanse a diario (1,5 millóns máis que o ano pasado).
Un par de detalles a salientar do informe é a posición de España a nivel Europeo na velocidade de adopción de conexións de fibra óptica até o fogar (con máis de 3 millóns de clientes conectados e máis de 15 millóns de fogares con cobertura), mentres que o acceso á Rede dende o móbil tamén medrou 5,9 puntos no último ano, e conseguindo un auténtico fito histórico: os smartphones superan aos ordenadores como dispositivo de acceso á Internet en 10 puntos.
O informe sostén que en España o 87% de todos os teléfonos son smartphones, colocándose en cabeza a nivel europeo na penetración de teléfonos conectados á Rede. Tamén destacan que o 89% do tempo no que se usa o móbil actualmente é para acceder á Internet.


Aínda que a comunicación e o lecer seguen a ser os principais motivos do uso da Internet, en 2015 compróbase unha utilización máis racional das redes sociais, e un aumento significativo do uso para actividades produtivas e profesionais. O emprego das redes sociais descendeu 2,4 puntos e os mozos dedican agora máis tempo a conectarse a plataformas de comercio electrónico ou aprendizaxe en liña e menos á conectividade social.
O pasado ano aumentou significativamente o uso da Internet para o consumo de vídeos, películas e música (15,2 puntos) ata o 67,5% e a procura de información sobre bens e servizos ata un 69,6%. A mensaxería instantánea seguiu crecendo (6,3puntos) e xa a usan a diario o 93,7% dos españois, do mesmo xeito que a realización de operacións bancarias (3,9%) e coa Administración (17,7%).
O consumo da televisión está a cambiar cara á personalización a pasos axigantados. O consumo lineal de Game of Thrones caeu nun só ano do 51% ao 22% en 2015. Os usuarios prefiren o vídeo baixo demanda e só os eventos deportivos manteñen a preferencia do consumo lineal.
As novas tendencias non só afectan o noso comportamento persoal, senón que terán un gran impacto da vida económica e a creación de riqueza. Así, a utilización masiva do internet das cousas en todos os sectores económicos vai abrir a era do internet industrial, que implica un cambio de paradigma: xa é posible a monitorización de centos de elementos dunha forma sinxela e a actuación de forma preditiva grazas á análise de datos. Estímase que esta tendencia conducirá de forma directa á creación de riqueza e prevese que a súa achega acumulada ao PIB mundial entre 2015 e 2030 oscilará entre os 10,6 e 14,2 billóns de dólares en función das medidas de impulso que se poñan en marcha para favorecer a súa implantación, podendo supoñer en España unha achega no devandito período entre 108.000 e 137.000 millóns de dólares. Este crecemento supoñerá a creación dun número moi elevado de postos de traballo de alto nivel de cualificación, como expertos en TIC ou científicos de datos.

PUBLICIDADE