O ministerio de Industria dá a coñecer o Plan Avanza2

martes, 3 de febreiro do 2009 Raquel Noya

O ministro de Industria, Turismo e Comercio, Miguel Sebastián, visitou hoxe o Instituto Nacional de Tecnoloxías da Comunicación (INTECO), situado en León, para comprobar de primeira man o funcionamento “deste símbolo no desenvolvemento da Sociedade da Información e o Coñecemento nestes últimos tres anos”.
Sebastián percorreu as instalacións de INTECO e posteriormente realizou unha intervención perante os medios alí presentes para presentar o Plan Avanza2, no cal o Instituto “terá un papel relevante”, afirmou.
Concretamente, o INTECO terá un papel de primeira orde no desenvolvemento e execución da área de Confianza, Seguridade e Accesibilidade do Plan Avanza2, para o que contará unha dotación orzamentaria de máis de 10 millóns de euros.
Mediante esta liña de actuación do Plan Avanza2, continuou, “identificaranse oportunidades para a innovación en tecnoloxías de seguridade”, o que permitirá avanzar na protección da privacidade na Rede, da infancia, a loita contra o fraude en liña e a protección das infraestruturas lóxicas.
O ministro engadiu (con certo aire triunfalista) que o Plan Avanza2 (2009-2012), “fará da España do século XXI un país tecnoloxicamente punteiro no concerto económico internacional e contribuirá a construír unha sociedade plenamente dixitalizada e tecnoloxicamente vangardista”.

Áreas de actuación do Plan Avanza2
O Plan Avanza2 estruturase en cinco áreas de actuación, entre elas a xa mencionada de Confianza, Seguridade e Accesibilidade. Outras áreas son:

- A área do Desenvolvemento do sector TIC, para apoiar ás empresas que desenvolvan novos produtos e servizos cun alto compoñente TIC e para promover a participación industrial española na construción da Rede do futuro, con especial atención aos contidos dixitais.

- A área dos Servizos Públicos Dixitais, que tratará de mellorar a prestación dos servizos públicos electrónicos a cidadáns e empresas mediante o uso das TIC.

- A área de Capacitación, que fomentará o acceso e o uso das novas tecnoloxías tanto por parte dos cidadáns como das pequenas e medianas empresas.

- A área de Infraestruturas, que ten como obxectivos mellorar a velocidade e o alcance da Banda Larga en zonas rurais illadas e ofrecerlle á comunidade científica mellores redes de comunicación, aplicacións e servizos.
Logo de explicar as principais liñas de actuación de cada área de Avanza2, o ministro sinalou que “todas estas políticas comezan xa a ser unha realidade que contribuirá á dixitalización, á democratización da información, á xeración de máis competitividade e maior cohesión económica e social dun país máis moderno, innovador e competitivo”.

PUBLICIDADE