O medio dixital Galizaconfrainfo pon en marcha unha campaña para recadar fondos

venres, 29 de xuño do 2012 Fernando Sarasketa

A Rede permite, entre outras cousas, que por cada medio xeral que escamotea a verdade das cousas ou as distorsiona, xurdan outros pequenos e independentes que buscan achegar outro punto de vista, ofrecer alternativas de cobertura desapegadas do poder. Na nosa terra hai varios e bos exemplos disto, estes días cobrando especial importancia Galizacontrainfo, unha plataforma de internautas especializadas/os no vídeo e no foto-activismo que buscan tirar partido das redes non só para achegar a información que de outro xeito non se vería senón tamén como medio para xuntar apoios. Este venres 29 de xuño, sen ir máis lonxe, botan a andar unha campaña de recollida de fondos a través do método crowdfounding.
A campaña, que xa podemos ver en formato audiovisual, canalízase a través do servizo Verkami, que é unha ferramenta para dar corpo á solidariedade dos internautas e facer máis doada a busca colectiva de apoios. O obxectivo: recadar 1.000 euros para garantir o futuro do proxecto.
Galizacontrainfo é unha iniciativa independente, non comercial e autoxerida de contra-información audiovisual galega. Esta web, explica o equipo responsábel da súa posta en marcha, “xorde da necesidade de difundir o traballo do dito equipo, mais tamén coa intención de construír un espazo que sirva para darlle visibilidade a toda a produción audiovisual de comunicación alternativa que se desenvolve na Galiza”, explican. E engaden, ao fío do que dixemos ao comezo deste texto, a escasa fiabilidade dunha boa parte dos nosos medios xerais e non tan xerais: “Os medios de corporativo-empresariais son aparellos ideolóxicos do réxime capitalista que, enmascarados baixo unha suposta neutralidade ou obxectividade técnico-profesional, funcionan como voceiros hexemónicos dos intereses das clases dominantes”. A plataforma apóiase na difusión libre e de balde de todo o que se xera ao seu abeiro, apostando polo copyleft e as licenzas libres.
Mentres se redactaba este artigo, xa se acadara máis da cuarta parte dos 1.000 euros que se estableceron como obxectivo.

PUBLICIDADE