O mediático Leopoldo Abadía será un dos relatores convidados á XGN

xoves, 3 de maio do 2012 Raquel Noya

Xa hai uns cantos anos que a XGN (e todas cantas parties informáticas se celebran no noso país) deixaron de ser un encontro de frikissedentos” de velocidade de conexión e tempo dabondo como para descargar tódalas series, películas, videoxogos e pezas audiovisuais que estaban de moda no momento, coas que cubrir o tempo de ocio dos seguintes dez anos das súas vidas.
Agora este tipo de eventos teñen un marcado carácter didáctico e formativo, e aos torneos de videoxogos e proxeccións que xa se viñan celebrando para amenizar un pouco as xornadas e evitar que aos participantes lles quedaran os ollos pegados á pantalla, hai que sumarlle agora todo tipo de relatorios, obradoiros, actividades lúdicas, cursos formativos, exposicións, sesións de traballo, mesas redondas e concursos de todo tipo de temáticas, aos que poden asistir tanto as persoas inscritas como as que veñen só de visita.
Isto é o que, a lo menos, imos ter a oportunidade de ver na edición deste ano da Xuventude Galicia Net, que organiza a Consellería de Traballo e Benestar, e que xa anunciou a presenza de relatores da talla do economista Leopoldo Abadía, que intervirá o venres, día 4 de maio, ás 19:00 horas; ou do blogueiro Enrique Dans, que ofrecerá un relatorio o sábado día 5, ás 11:00 horas.
Abadía, que saltou á fama na Rede tralo seu paso polo programa de Buenafuente, é defensor da chamada “Teoría Ninja”, grazas á cal explica de xeito moi analítico os conceptos máis difíciles de entender da teoría económica.
Estas conferencias, ao igual que tódolos actos que teñan lugar na Extranet, son de entrada libre, e non é preciso ser algún dos mil inscritos que onte esgotaron as prazas convocadas para este ano.
A estas intervencións hai que sumarlle a de Juan Gestal, autor do blog Pixfans.com; a de Jordi Pérez Colomé, xornalista e blogueiro; a de Rubén Bastón (sábado ás 17:00 horas), da firma galega Elogia; e a do emprendedor Javier Megías (o sábado ás 12:00 horas), especialista en emprendemento, así como a de outros convidados que ata a mañá do domingo día 6, iranse achegando ata o Pazo de Congresos de Santiago de Compostela para participar na edición máis completa da XGN.
A maiores haberá un coloquio de voluntariado que contará coa presenza de representantes da Fundación Bip Bip, da Fundación Hazloposible e de BritishTelecom, no que se mostrará a cara máis amable e solidaria dos amantes das TIC.

PUBLICIDADE