O matemático que creou a neve da película Frozen visita Santiago

luns, 13 de xuño do 2016 Redacción

Joseph Teran, o deseñador e matemático que creou a neve do filme Frozen, estará este martes 14 en Santiago para falar (entre outras cousas) da súa experiencia dando vida aos escenarios invernais da devandita adaptación do conto A raíña das neves de Andersen, gañadora en 2013 o Óscar á Mellor Película Animada. Será o marco da 19th European Conference on Mathematics for Industry (ECMI 2016) que se celebra no Auditorio Abanca. A cita desenvólvese a partir das 20 horas e poderá acudir o público en xeral até completar aforamento. Participarán dúas empresas galegas de animación, The Gearing e Ottiplanet, sendo esta última a que fixo posíbel a primeira longametraxe de animación 3D realizada en Europa, El Bosque Animado, gañador de dous premios Goya.
Volvendo a Joseph Teran, sinalar que del son os modelos que serviron de alicerce para recrear o movemento das folerpas en Frozen, un movemento que segundo indican os organizadores do evento “chegou a converterse en sinal de identidade da devandita cinta”.
Teran será pois o protagonista da charla aberta ao público The Mathematical Way to the Oscars (O camiño matemático cara aos Óscar) que se celebra este 14 de xuño no Auditorio Abanca de Santiago de Compostela. “O obxectivo é amosar que as matemáticas están detrás dos efectos especiais de moitas das películas e videoxogos que coñecemos”, explica o presidente do comité científico, Alfredo Bermúdez de Castro.
O evento de divulgación aberto ao público insírese dentro do congreso de matemáticas aplicadas á industria máis importante de Europa, o 19th European Conference on Mathematics for Industry (ECMI 2016), que se leva a cabo do 13 ao 17 de xuño en Santiago de Compostela.
Xunto a Teran, tamén falará Ignacio Vargas, representante da empresa española Next Limit Technology, creadora do movemento das grandes masas de auga que aparecen en películas como Ice Age e da lava do Monte do Destino no Señor dos Aneis.
Tamén falará Xenxo Álvarez que intervirá en nome de dúas compañías galegas que colaboran, The Gearing e Ottiplanet. A actividade de difusión será moderada polo comunicador científico e catedrático de electromagnetismo da Universidade de Santiago de Compostela, Jorge Mira Pérez.

PUBLICIDADE