O máster en mercadotecnia en liña da USC abre novos vieiros de comunicación para os nosos profesionais

mércores, 29 de xullo do 2015 Redacción

Xa está aberto o prazo para inscribirnos no Máster en Marketing Dixital da Universidade de Santiago de Compostela. Trátase dunha actividade formativa dirixida a traballadores ou universitarios titulados que desexen afondar no eido da nova mercadotecnia. Entre os obxectivos concretos atópase o de formar profesionais en ámbitos de grande demanda empresarial, como por exemplo a xestión de comunidades en liña, a creación e planificación de proxectos web, a consultoría SEO, a mercadotecnia móbil ou a planificación e o desenvolvemento de campañas de promoción en liña e outras técnicas avanzadas.
Segundo informan os organizadores, o programa está pensado para que o alumno sexa quen de familiarizarse co emprego de todas as canles de comunicación dispoñíbeis, usando os medios dixitais, e tamén para que coñeza experiencias prácticas en promoción empresarial en liña e máis as últimas tendencias neste ámbito concreto (sendo quen de incorporalas logo con éxito á súa propia iniciativa empresarial). Os alumnos terán relatorios online con prestixiosos especialistas de diversos sectores empresariais que explicarán a que problemas se van enfrontar e como se poden emendar aplicando estratexias de mercadotecnia dixital. Ademais, o estudante desenvolverá un proxecto para unha empresa galega ao longo do curso, que deberá presentar ao final do mesmo e, en función dos resultados, aplicalo na empresa. Un 10% das clases serán impartidas en inglés para que “o alumno se familiarice coa terminoloxía empregada no mundo dixital”, sinalan os organizadores.

PUBLICIDADE