O máster da USC sobre Sociedade da Información aposta este ano polas TIC aplicadas ao desenvolvemento local

venres, 18 de outubro do 2013 Redacción

A Universidade de Santiago informou estes días que o máster en Sociedade da Información e do Coñecemento, no que xa se pode realizar a preinscrición, abrirá do 5 ao 19 de novembro o período de matrícula da súa sexta edición, un curso de natureza práctica que permitirá ao alumnado “obter unha formación cualificada para o deseño e xestión de páxinas web orientadas á mercadotecnia e o desenvolvemento territorial, produción de recursos multimedia de vídeo, son e fotografía dixital”, explicaron fontes da USC. Ademais, este posgrao posibilitará o contacto co mundo laboral ao ofertar a opción de estadías de prácticas en diversas empresas, institucións ou grupos de investigación.
O programa desenvolverase on line para un máximo de 20 alumnos/as que terán a opción de realizar o máster nun curso académico de 60 créditos ou en dous accedendo a un título intermedio de especialización en Sociedade da Información. Existirá a posibilidade de acceso a bolsas de matrícula propias da USC, da Asociación Ibérica de Sistemas e Tecnoloxías da Información e do Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia. Con esta acción formativa, os seus organizadores buscan “establecer as condicións de colaboración científica entre tecnólogos, científicos sociais e creadores das artes e das humanidades de cara a buscar o desenvolvemento económico, social ou cultural en territorios e comunidades concretas, pondo en valor e impulsando os fluxos de comunicación e coñecemento entre o urbano e o rural e entre as rexións periféricas e as centrais”.

PUBLICIDADE