O malware medrou un 200 por cen o pasado ano
luns, 20 de abril do 2009
Segundo indica o último informe de Symantec sobre
Ameazas
á Seguridade en Internet, durante o 2008 produciuse un incremento
considerable no número de vulnerabilidades en software e ameazas en Internet, “resultado de que os atacantes teñan un maior
nivel de organización e de que cada vez empreguen sitios web máis fiables e con
moito máis tráfico para atacar aos usuarios”.
De feito, este informe que se elabora a
partir de datos reais procedentes da súa rede global de intelixencia, mostra
que máis do 60 por cento de todo o código malicioso detectado por Symantec foi
descuberto en 2008, con 1,6 millóns de ameazas localizadas frente ás 624.257 de
2007.
O estudo indica, asemade, que Estados
Unidos e China foron os países que máis actividade maliciosa tiveron a nivel
mundial en 2008 e que España ocupa o sexto posto no mundo e o terceiro no
ranking de EMEA.
Os troianos e os vermes foron as
principais ameazas detectadas e extenderonse pola Rede coa finalidade de
localizar información confidencial para logo vendela por diñeiro ou para acadar
novas ferramentas coas que desenvolver outros códigos maliciosos.
En canto aos mecanismos de infección, o
informe revela que o 66 por cento da propagación realizouse mediante arquivos
compartidos executables, un dato que se incrementou en 22 puntos respecto a
2007, cando se situaba nun 44 por cento.
Nembargantes, Symantec alerta que o spam e o phising seguen incrementándose, tanto como un 192 por cento no caso
do primeiro e un 66 por cento no caso do phising.
Neste senso, o noso é o oitavo país
europeo emisor de spam, dúas
posicións máis abaixo que en 2007, cando ocupaba o sexto posto.
Imaxe tomada do blog de
Javier Linares.