O libro dixital chegará o vindeiro curso a 111 novos centros escolares galegos

luns, 16 de xullo do 2018 Redacción

Este curso que vén refórzase a presenza educativa do libro dixital. Así o confirmou hoxe a Consellería e Cultura e Educación, sinalando que un total de 111 novos centros escolares incorporarán (por vez primeira) a dita tecnoloxía de acceso ao coñecemento nas súas aulas.
A cifra total de centros que disporán destes dispositivos na súa rutina docente será (ao abeiro do proxecto E-Dixgal da Consellería) de 264, un 70% máis ca no curso pasado. Con esta medida abrangueranse 18.000 alumnos de quinto e sexto de Primaria e de primeiro e segundo da ESO. A presenza do ebook nas clases repercutirá basicamente no seguinte: en que o ensino que recibirán será cen por cen dixital.
Do total dos 264 centros, 91 son da provincia da Coruña (37 novos para o vindeiro curso), 47 de Lugo (22 novos), 19 de Ourense (11 novos) e 107 de Pontevedra (40 novos). Por ensinanzas, 162 deles incorporan o libro dixital na etapa de Primaria, 73 en Secundaria e outros 29 fano en Primaria e Secundaria.
Segundo informa a Consellería, as ditas cifras “mostran o forte impulso que o departamento educativo da Xunta de Galicia, en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), vén de realizar no E-Dixgal”, un proxecto complementario de Abalar que xurdiu como “experimental” no curso 2014/15 e que dende aquela non parou de afianzarse e medrar. O resultado é que no vindeiro curso máis da cuarta parte dos centros de ensino obrigatorio públicos acubillen proxectos de educación dixital, 17 puntos porcentuais máis que no curso 2014/15.

PUBLICIDADE