O laboratorio de David Glowacki no CiTIUS busca novos talentos

venres, 11 de agosto do 2023 S. P.

O CiTIUS quere ser un referente europeo e internacional en Intelixencia Artificial e neste desafío ten un papel relevante o investigador David Glowacki e o seu laboratorio, a día de hoxe en proceso de impulso e crecemento. Segundo confirmou o centro da USC, o laboratorio conta a día de hoxe con catro postos dispoñíbeis. “Buscamos desenvolvedores, artistas, científicos e investigadores talentosos e motivados para unirse ao noso laboratorio”, sinalan.
O IRL
O Laboratorio de Realidades Intanxíbeis (IRL) é un laboratorio de investigación de vangarda con sede en Santiago de Compostela no CiTIUS (Centro de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da Universidade de Santiago de Compostela). O IRL explora as interseccións da ciencia, a arte e a tecnoloxía e a súa misión é crear experiencias inmersivas que “superen os límites do que é posíbel” e “desafíen a nosa comprensión do mundo”.
A través da Realidade Virtual, simulacións científicas en tempo real e outras tecnoloxías punteiras, o IRL busca transformar tamén a forma en que e interactuamos co mundo e entre nós. Liderado polo investigador David Glowacki, o equipo interdisciplinar de científicos, artistas e desenvolvedores colabora en proxectos que exploran as fronteiras da nanociencia, a arte dixital, a interacción humano-computadora e a neurociencia.
O IRL está apoiado por unha subvención de 2 millóns de euros a 5 anos da Comisión Europea de Investigación (ERC) no marco do programa de investigación e innovación 2020 da Unión Europea (acordo de subvención 866559). David Glowacki, un dos grandes expertos mundiais en Realidade Virtual, uniuse formalmente hai un ano ano centro CiTIUS da Universidade de Santiago.“Os recentes avances no eido da Realidade Virtual, a informática, a tecnoloxía inmersiva e a Intelixencia Artificial, fan que este sexa un momento especialmente emocionante para iniciar este programa de investigación en particular, para producir novos coñecementos de investigación e para desenvolver novas e emocionantes formas que permitan que o público se involucre con diversas ideas científicas”. Con estas palabras resumía David Glowacki (Milwaukee, 1981), a ilusión de comezar unha nova andaina profesional na USC da man do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da universidade compostelá (CiTIUS) e o programa de captación de talento Oportunius, da Axencia Galega de Investigación (GAIN).
David Glowacki é o fundador do grupo de investigación Laboratorio de Realidades Intanxíbeis (IRL, polas súas siglas en inglés), que ten a súa sede no CiTIUS.
Glowacki ten traballado amplamente na aplicación da Realidade Virtual á simulación e visualización científica interactiva. As súas achegas científicas dan fe da súa versatilidade: ten publicado en ámbitos tan distintos como a física molecular de non-equilibrio, a dinámica clásica e cuántica, a bioquímica computacional, a interacción persoa-ordenador, a computación de alto rendemento, os gráficos por computador, os algoritmos evolutivos, a aprendizaxe automática (Machine Learning) e a ciencia de datos, a estética dixital, a arte computacional interactiva, a relixión e o poder, a teoría cultural, a óptica ou o desenvolvemento de instrumentos científicos.
As obras de arte computacional inmersivas nas que David Glowacki traballou ao longo dos anos foron experimentadas por máis de 200.000 persoas en tres continentes.

PUBLICIDADE