O kit de eficiencia do proxecto depoGAP da Deputación de Pontevedra xa chegou a máis de 200 fogares

mércores, 1 de xullo do 2015 Redacción

A Deputación de Pontevedra rematou xuño facendo reconto das familias da provincia que xa tiran proveito do kit de eficiencia enerxética que fornece a institución a través do seu proxecto depoGAP: un total de 243 familias. A iniciativa, como lembraremos, é un proba piloto inserida no programa depoGAP (promoción dun novo modelo de xestión dos activos públicos a través das novas tecnoloxías e a participación cidadá) que ten como obxectivo sensibilizar aos pontevedreses sobre o uso eficiente dos recursos enerxéticos nos fogares.
Segundo informa a Deputación, para o desenvolvemento desta proba é necesario instalar, en cada un dos fogares participantes, un kit domótico que proporciona “as ferramentas de control precisas para facer seguimento e optimizar os consumos nos fogares”. Trátase, máis polo miúdo, dun contador de enerxía, un detector de apertura e peche de portas, un sensor de luminosidade e un medidor de consumo eléctrico. Estes recursos habilítanse de balde nos fogares e, logo, son os encargados de facer as medidas de consumo nas casas dos usuarios. Estes poderán verificar en tempo real o gasto de enerxía do seu fogar durante un período de medio ano.
Ao fío do devandito e facendo fincapé nunha máis óptima participación, o organismo provincial “salienta que as familias que participan nesta proba reciben unha formación previa nos conceptos e fundamentos prácticos necesarios”. O obxectivo final, engade, é que cada familia “extraia conclusións sobre os seus consumos enerxéticos, de maneira que poida establecer medidas de aforro aplicábeis no seu fogar”. O número de técnicos que se encarga da instalación dos ditos recursos é de 44. A iniciativa tamén servirá para extraer información estatística sobre o gasto enerxético, que serán a base das guías de boas prácticas que se queren elaborar para utilizar en vindeiras campañas de sensibilización enerxética.
Como dixemos, a experiencias insírese no proxecto depoGAP, promovido pola Deputación de Pontevedra e co-financiado nun 70 % a través dos fondos europeos FEDER. DepoGAP pretende promover un novo modelo de xestión dos activos públicos a través das novas tecnoloxías, contando coa colaboración e participación cidadás.
Respecto do que temos que facer para concorrer na iniciativa, o organismo provincial informa que as familias que pertenzan a un concello de menos de 50.000 habitantes e estean interesadas en unirse ó proxecto aínda se poden inscribir na web depo.es/depoGap.

PUBLICIDADE