O investigador do CITIC Luis Castedo, novo presidente da área TIC da Axencia Estatal de Investigación

martes, 7 de novembro do 2023 S. P.

Luis Castedo, investigador do CITIC (Centro de Investigación TIC da Universidade da Coruña), vén de ser nomeado presidente da área TIC da Axencia Estatal de Investigación, organismo público español responsábel do fomento da investigación científica e técnica en todos os eidos do coñecemento, a través da asignación de recursos públicos e o asesoramento na planificación de accións a través das que se instrumenta as políticas de I+D do Estado.
A área TIC, que preside Luis Castelo, cobre un amplo número de tecnoloxías relacionadas co desenvolvemento de dispositivos e sistemas electrónicos, así como de tecnoloxías para a xestión e transferencia de información a través de sinais electromagnéticos. Ademais, esta área (unha das 19 a través das que que a AEI desenvolve a súa actividade) engloba a investigación en procesamento de sinais, sistemas radiantes, subsistemas de radiofrecuencia e comunicacións ópticas.
Segundo explica a UDC a través do CITIC, “a experiencia e liderado de Luis Castedo ao fronte da área TIC da AEI permitirá seguir fomentando a investigación e innovación de excelencia no eido das Tecnoloxías da Información e a Comunicación”.
Luis Castedo é catedrático de Teoría do Sinal e Comunicacións na Universidade da Coruña (UDC) desde 2001. Está especializado en enxeñería de comunicacións, traballando en áreas como redes de sensores, Internet das Cousas (IoT) ou comunicacións vehiculares.

PUBLICIDADE