O investigador do CITIC Carlos Vázquez Cendón, nomeado editor xefe da prestixiosa revista SeMA Journal

martes, 6 de abril do 2021 Redacción

Carlos Vázquez Cendón, investigador do CITIC (o Centro de Investigación TIC da Universidade da Coruña), vén de ser nomeado editor xefe da revista SeMA Journal: Bulletin of the Spanish Society of Applied Mathematics. Trátase dunha publicación editada por Springer e creada no seu día pola Sociedade Española de Matemática Aplicada (SeMa), entidade na que o investigador do CITIC foi presidente entre os anos 2006 e 2010.
A revista SeMa Journal informa sobre logros de alto nivel no eido das matemáticas aplicadas, cubrindo resultados tanto teóricos como numéricos, e tamén as súas aplicacións prácticas. A publicación, segundo informa o CITIC, “está deseñada para ser de utilidade especialmente para o persoal investigador máis novo”.
Carlos Vázquez coordinará o comité editorial de SeMA Journal, formado por máis de corenta profesionais asociados, que son expertos de recoñecido prestixio a nivel mundial nos temas que divulga a revista.

PUBLICIDADE