O iPhone 6 e o LG G3 elixidos mellores móbiles do ano en Barcelona

martes, 3 de marzo do 2015 Marcus Fernández

John Cleese presentou a gala de entrega de premios deste ano

No marco do Mobile World Congress é tradición entregar os Global Mobile Awards, que este ano chegan á súa edición número 20 e da que xa sabemos os que son os seus gañadores nas distintas categorías que salientan servizos sobre a vida conectada, servizos móbiles, desenvolvementos socioeconómicos, aplicacións móbiles, dispositivos móbiles e tecnoloxías móbiles.
Na categoría de aplicacións móbiles do ano poucos son os produtos que poidan resultar de interese no noso territorio, de xeito que as que poderiamos salientar serían Asphalt 8: Airborne como mellor xogo móbil do ano e a IFTTT como mellor aplicación móbil en xeral (esta ferramenta permite automatizar tarefas mediante regras de xeito que, por exemplo, ao publicar unha fotografía en Instagram a aplicación compartiraa en Twitter ou ao detectarse que estamos preto do fogar poderán acenderse automaticamente as luces ou o sistema de aire acondicionado).
A outra categoría que podería ser de interese para o público xeral é a de mellores dispositivos móbiles, que na categoría de mellor smartphone saldouse cun empate entre o iPhone 6 de Apple e o LG G3, aínda que cómpre matizar que tamén hai un premio para smartphones de baixo custo, que este ano foi a parar claramente ao Moto E.

O Surface Pro 3 fíxose co recoñecemento á mellor tableta

Motorola tamén conseguiu o recoñecemento do Moto 360 como mellor tecnoloxía wearable e Microsoft, pese a non conseguir destacar no mundo smartphone (cando o ano pasado si conseguira que destacase o Lumia 520), si recibiu o merecido premio á mellor tableta polo Surface Pro 3 (arrebatándolle a coroa a Apple).
A categoría de dispositivos móbiles era moi discreta nestes premios até o ano 2012, que foi o primeiro no que superou os 2 galardóns, e nas últimas edicións parecen adaptarse bastante ben á realidade do mercado, con compañías como Samsung, LG, Nokia, HTC e Apple loitando duramente polos premios. Cómpre destacar o feito de que este ano desapareceu o premio ao mellor teléfono móbil básico, gama de produto que, aínda que continúa a comercializarse, xa non resulta de interese comercial máis aló de mantelos en catálogo para mercados emerxentes e usuarios de baixo perfil tecnolóxico.

Apple e LG tiveron que compartir o premio ao mellor móbil do ano

PUBLICIDADE