O iPhone 3GS branco convértese nun produto cobizado

mércores, 8 de xullo do 2009 Marcus Fernández

Moitos consumidores están a experimentar problemas en atopar nas tendas terminais do iPhone 3GS en cor branca, o que parece ser algo máis que unha casualidade, e incluso a web que permite comprobar o nivel de stock nas tendas (para evitar que os potenciais clientes fagan viaxes en balde) reflicte que o modelo de 16 Gb en branco está esgotado en 30 dos 40 estados nos que Apple ten tendas, o que fai que o móbil gañe popularidade, pois convértese nun dispositivo bastante exclusivo.

O stock dos iPhone 3GS en distintas tendas norteamericanas resulta moi revelador

Non está claro se o produto escasea por terse comercializado poucas unidades, ou simplemente ten unha demanda moi elevada, aínda que hai que recoñecer que a cor branca parece máis asociada aos produtos de Apple que a negra, á vez que tamén destaca doutros terminais de telefonía móbil e incluso comentan que sería o modelo preferido polo público feminino.
Esta situación serve para ilustrar cómo a oferta cromática de dispositivos de electrónica de consumo si parece afectar ás súas vendas e á súa aceptación por parte do público, polo que o lanzamento de consolas de videoxogos de cor rosa ou dunha Wii negra non deberían parecer malas ideas de cara ao relanzamento das vendas.

PUBLICIDADE