O iPhone 12 podería adiar un mes a súa presentación

luns, 27 de abril do 2020 Marcus Fernández

Dende Apple levan anos cun ciclo de renovación anual de smartphones ancorado no mes de setembro, de xeito que o iPhone 11 presentouse o pasado 10 de setembro para chegar ás tendas o día 20 do mesmo mes, pero en 2020 este calendario non poderá manterse segundo The Wall Street Journal, publicación que sostén que a produción en masa do vindeiros iPhone adiaríase un mes por mor do impacto da pandemia na cadea de subministros.
Aínda que é moi posible que a demanda do smartphones caia considerablemente por mor do impacto económico do coronavirus (Apple estima que as vendas de iPhone na segunda metade do ano caerá un 20%), iso non deterá a renovación de dispositivos, e estarían a preparar 4 modelos de iPhone 12: un con pantalla de 5,4 polgadas, outro con pantalla de 6,7 polgadas e dous modelos con pantalla de 6,1 polgadas, seguindo en boa medida a pauta actual (o iPhone 11 e o iPhone 11 Pro tamén suman 3 tamaños de pantalla diferentes).
Non está aínda clara cal vai ser a política de Apple sobre a 5G, pero semella que por fin esta conectividade chegará a móbiles de Apple este ano, o que podería ser o pulo que esta tecnoloxía precisa. Tamén comentan que os modelos de máis alta gama integrarían o sensor LiDAR que inclúe o novo iPad Pro, e que mellora considerablemente a realidade aumentada.
A información do The Wall Street Journal non é a única que apunta a retrasos para o iPhone 12, xa que nas últimas semanas tamén se comentou que os enxeñeiros de Apple non podían voar a China para poder comprobar en persoa compoñentes e procesos de fabricación, polo que tiveron que mudar a protocolos remotos, o que retrasa os procesos de verificación necesarios para que poida iniciarse a produción en masa dos futuros teléfonos da compañía da mazá.

PUBLICIDADE